Xoves. 25.04.2024

O delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, acompañado pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, supervisaron o resultado das obras que se executaron na praza do centro sociocomunitario Isabel Zendal que contaron cun apoio da Xunta de máis de 67.000 euros a través da orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para crear ou mellorar infraestruturas municipais.

Trenor lembrou que na provincia da Coruña a Xunta está investindo ao abeiro desta orde 521.000 euros a través de axudas destinadas a municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

O proxecto centrouse na urbanización e humanización da contorna desta edificación situada no Campo da Feira, e máis concretamente, ao carón da entrada ao paseo fluvial Ramiro Recouso. Unha das principais premisas deste proxecto foi, precisamente, a integración con esta contorna natural para o uso da veciñanza.

As obras consistiron na contención de terras cara á beirarrúa e na explanación da área. Procedeuse á apertura de foxos, e posterior recheo, para a cimentación dos muros das bancadas e xardineiras. Tamén se construíron soleiras de formigón armado para as bancadas. Ademais, levouse a cabo o axardinamento da zona superior, das escavas e da zona exterior cara ao río Mercurín.

O proxecto tamén contemplou a plantación de arbustos e árbores para evitar o impacto visual do muro de peche da parcela lindeira e a instalación dun equipo de climatización do edificio. O sistema de rego será automático mediante aspersores emerxentes programables. A zona estará iluminada mediante un báculo e farois de baixo consumo.

O delegado da Xunta tamén lembrou que nesta mesma praza, en breve, abrirá as súas portas o centro sociomunitario Isabel Zendal que contou cun orzamento de 720.000 euros, dos que 360.000 euros foron aportados pola Consellería de Política Social e Xuventude Este edificio terá un uso polivalente pero o seu principal obxectivo será servir como punto de encontro para as persoas con algún tipo de diversidade funcional e para os maiores, con programacións de actividades lúdicas e de formación.