Sábado. 27.04.2024

O pleno da Corporación do Pino ratificou, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSdeG, a adxudicación de cinco proxectos de obras seguindo a proposta da mesa de contratación. O investimento total destas actuacións supera os 2,6 millóns de euros, que serán financiados con fondos propios do Concello. O alcalde agarda que a “finais de xuño ou principios de xullo poidan iniciarse estas obras, para que estean rematadas durante o verán”, xustificando neste motivo a celebración do pleno extraordinario.

O pasado mes de decembro, o pleno aprobou os pregos de condicións e de iniciar os expedientes de contratación para acometer un plan de obras con fondos propios do Concello, por un importe superior aos tres millóns de euros, e que contempla a construción de 12 quilómetros de sendas peonís, entre outras actuacións. Co acordo plenario desta mañá, xa se poderá adxudicar definitivamente as obras ás empresas propostas pola mesa de contratación.

A empresa Cosmalca será a encargada de facer a senda entre Bugalleira e Rabal de Abaixo, cunha lonxitude de tres quilómetros e un investimento de 635.258,99 euros. Esta senda contará con 6 centímetros de aglomerado en quente sobre unha capa de 25 centímetros de zahorra, ademais de canalizacións de pluviais en toda a súa lonxitude, cos correspondentes pozos e sumidoiros (características que son similares en todas as sendas). O prazo de execución proposto pola empresa é de 3 meses.

Entre os lugares de Os Currás e O Petón a empresa Arines Obras y Proyectos vai construír outra senda de tres quilómetros nun prazo de tres meses. O importe desta obra ascende a 613.929,57 euros.

A empresa Obras y Viales de Galicia (Oviga) foi a adxudicataria da senda que unirá A Xesta e Frechazo Último, nun tramo de pouco máis de dous quilómetros. O presuposto de adxudicación é de 505.420 euros e o prazo de execución, tres meses.

As outras dúas sendas deste plan van comunicar, por un lado, a igrexa de Pereira coa aldea, cunha lonxitude de 240 metros e dous metros de ancho; e, polo outro, con case 900 metros de longo, comunicará a estrada N-547 coa igrexa de San Breixo. Cosmalca será a empresa encargada de construír estas dúas sendas cun investimento de 394.290,54 euros e un prazo de execución de tres meses.

Cando estean rematadas estas obras, as trece parroquias do Pino contarán con sendas peonís, “o que vai mellorar a seguridade viaria da veciñanza”, asegurou o alcalde, Manuel Taboada.

A última adxudicación ratificada polo pleno desta mañá fai referencia as obras para mellorar o firme da pista que vai de Area Branca a Couto Peno, pasando por Sobrado e Setas (Medín); a estrada do Marquiño a Vimieiro, a pista de Cruceiro ata a igrexa de Lardeiros, a pista de Rego de Auga ata Casa de Auga (Budiño) e a pista de Campo a Tarroeira (Budiño e O Pino). A empresa Antonio Filloy será a encargada de executar estas melloras, cun investimento de 497.415 euros e un prazo de execución de tres meses.

O plan de obras municipal contempla tamén melloras noutras estradas do municipio e no interior de diferentes núcleos de poboación. A adxudicación destas obras é competencia da Xuna Local de Goberno. Entre elas figura melloras len Rejas (Rourís), na estrada local de Casa Ramos a Cerceda, nas pistas interiores de Cebreiro, en A Pena, Ombre, Barcia e no aparcadoiro da Igrexa (Pastor).