Martes. 16.04.2024

O Partido Popular de Melide analizou os capítulos de gasto dos orzamentos que presentou a Xunta de Galicia no Parlamento galego.

Dalia García, portavoz dos populares dixo que “fronte as desinformacións do bipartito AM-PSOE máis centrado nos seus intereses persoais e nas liortas internas que se manifestan en público unha vez máis, o PP quere deixar claro que os seus intereses son os melidenses, máis servizos, menos impostos e mellor calidade de vida na nosa vila. E para iso demostramos unha vez máis o compromiso da Xunta de Galicia coa nosa vila: a Consellería de Medio Ambiente volve a orzamentar por terceiro ano consecutivo, a pesar de non terse executado nos dous períodos anteriores, o terzo correspondente para o financiamento da obra de canalización das augas residuais do parque empresarial á EDAR municipal”. A portavoz dos populares apuntou que “no 2019 urbanismo emitiu un informe de consultas que ten a avaliación ambiental simplificada de xuño 2019. O Concello non moveu ficha”.

Por outra banda, engade García que “Augas de Galicia manifesta claramente o seu compromiso coa depuración de augas coa segunda fase do saneamento de O Rañado, parroquia de Santa María con 150.000 euros, fito conseguido polo goberno popular no anterior mandato que dotará a esta área de Melide dun servizo fundamental”.

Os populares sinalan que “maila que o compromiso da Xunta é palpable e demostrable ca nosa vila o bipartito Pérez-Prado non foi capaz de conseguir ningún investimento para Melide fóra de que a Deputación xa financia por dereito ao recadar os impostos municipais delegados (IBI, IAE e IVTM) a pesar dos múltiples globos onda aos que nos teñen acostumados”.