Sábado. 27.07.2024

Maleducada, soberbia e insolidaria. Son tres dos cualificativos dirixidos polo concelleiro do PP de Santiago, Adrián Villa, á alcaldesa da capital galega. O motivo é a tardanza de Goretti Sanmartín en dar unha resposta á rexedora de Teo, que en agosto do ano pasado solicitou a ampliación da liña 6 de autobús urbano, que actualmente chega ata Os Tilos, ata a rotonda do Gadis de Cacheiras. Esta tardanza, para Villa, demostra unha total “falta de colaboración institucional” por parte de quen “é primeira en queixarse doutras administracións”.

Na súa resposta, o Concello de Santiago, en base a un informe encargado a Tussa, rexeita a ampliación argumentando que para manter o servizo habería que investir 1,8 millóns de euros, gastos de persoal aparte. Tamén lembra que ese servizo ata a urbanización dos Tilos está enmarcado nun convenio de colaboración entre os concellos de Santiago e Teo, e a Xunta de Galicia. O que suxiren desde Raxoi é a habilitación de liñas internas, algo que xa barallaban desde o executivo de Lucía Calvo.

A medida proposta por Teo buscaba unha solución para conectar o máximo de usuarios e, deste xeito, desconxestionar o tráfico que vai á capital de Galicia, ademais de supoñer unha mellora para os veciños e veciñas dos dous municipios. Afirman que lle preguntaron a Goretti Sanmartín en repetidas ocasións por este asunto, e a resposta da alcaldesa era que “faltaban informes de Xan Duro”, responsable de Mobilidade.

Raxoi deixa agora a pelota no tellado do Concello de Teo, ao que lle pide que traslade as súas valoracións a respecto deste asunto. Mentres, desde o municipio veciño sosteñen que en ningún momento, ata o de agora, se lles dixera que tiñan que contestar a este informe, que lles fixeron chegar como un tema pechado.

Desde o PP de Santiago lembran ademáis que os nacionalistas composteláns tiñan anunciada unha liña que uniría os concellos de Santiago, Ames e Oroso cunha frecuencia de 30 minutos, o que “fai máis sorprendente esta decisión”.