Xoves. 28.03.2024

Os populares de Melide amósanse “preocupados pola falta de mantemento da rede de saneamento municipal” ademais de lamentar que “nin un so euro do investimento adxudicado a Melide polo Plan de Obras e Servizos Provinciais se destinase á mellora de infraestruturas básicas desta natureza para despois subir os impostos municipais coma o IBI sen prestar os servizos básicos adecuadamente, como está sucedendo na actualidade”.

Dende a formación popular veñen de poñer en coñecemento do órgano de inspección autonómico de “Control de Vertidos” de Augas de Galicia a última canalización realizada polo bipartito municipal AM-PSOE na avenida de Compostela que “lonxe de resolver as enchentes trasladaron o problema a un bombeo que funcionaba correctamente, o bombeo do Ribeiro de Abaixo, que se encontra moi preto do regato da Martagona, afluente do Furelos, ao que van parar agora todas as verteduras”, apunta Dalia García, portavoz dos populares de Melide.

Os populares lamentan que “a falta de limpeza e mantemento dos propios bombeos sexa manifesta, so fai falta dar un paseo polas intermediacións da EDAR municipal para ver todos os refugallos estrados que descorren cara a presa de Pita, por poñer so un exemplo do que sucede cando non se realiza o traballo diario que abrangue unha concellería con tanto peso como é a de obras”

Para García, “este é un exemplo máis da total deixadez e falta de interese pola xestión que ten o bipartito melidense, é unha cuestión de feitos manifestos: non se traballa e so se actúa cando o PP denuncia feitos e fiscaliza ao goberno na súa labor de oposición, temos que estar ata nas cuestións máis nimias”.