Luns. 29.04.2024
Rueda foi recibido con aplausos polos militantes populares na sede do partido 

 

O popular Alfonso Rueda encabezará o novo goberno da Xunta de Galicia e farao despois de conseguir na xornada electoral de onte unha maioría de 40 escanos, dous por riba da maioría que estaba en 38.

Trátase da quinta maioría absoluta do Partido Popular, quen gobernou 36 dos 42 anos da historia autonómica e que terá un mandato máis con Rueda aos mandos.

O popular agradeceu na noite de onte a todas as persoas que participaron na campaña e tamén que confiaron nel así como tamén afirmou que “gobernarei para todos e todas, para os que me votaron pero tamén para os que non”.

Ana Pontón en rolda de prensa onte
Ana Pontón en rolda de prensa onte

Pola súa banda a nacionalista Ana Pontón, afirmou que “somos un BNG fortalecido, con máis ganas e máis empuxe que nunca para seguir defendendo a este país”, agradeceu “a confianza dos máis de 460.000 galegos que votaron ao BNG nestas eleccións, acadando un resultado extraordinario que fai que a forza nacionalista sexa o referente indiscutible do cambio”. 

Besteiro tamén analizou o resultado electoral cos medios
Besteiro tamén analizou o resultado electoral cos medios

O BNG conseguiu nos últimos comicios un total de 25 escanos, seis máis que nas eleccións anteriores.

José Ramón Gómez Besteiro, o candidato socialista á Xunta comprometeuse na noite electoral a artellar “unha alternativa real e segura co nome do PSdeG dende a oposición no Parlamento de Galicia con 9 escanos, 5 menos que nas anteriores eleccións.

 Anunciou un traballo “moito máis profundo na procura de máis empregos, dereitos e oportunidades para o país” porque, puntualizou, “ningún cambio é fácil nin se consegue da noite para a mañá”. Besteiro recoñeceu que “non foron os resultados que agardabamos”, e confirmou que “esta mesma noite trasladoulle ao candidato do PP a súa felicitación en nome dos socialistas galegos polos resultados nas eleccións”.