Venres. 03.05.2024

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro, pechou a campaña en Compostela, no pavillón das Fontiñas, arroupado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ante algo máis de 1.300 persoas, nun acto no que asegurou que remataba o camiño da campaña "pero comezaba un novo cara unha nova Galicia, cara un cambio que é imparable", por iso pediu "o voto práctico e útil dos galegos para un cambio histórico liderado polas mulleres e a mocidade deste país".

O líder dos socialistas galegos nestas eleccións autonómicas deulle as grazas a Pedro Sánchez "porque grazas a ti a Moncloa fala en galego, porque temos conxuntamente unha axenda de futuro" e porque "quedan dous días para que amenzamos nunha nova Galicia, e deixar atrás esa casa das leas que é o PP". O candidato socialista acusou aos populares de "mentir, mentir e mentir" e asegurou que "a caída de Feijóo e de Rueda é como o cambio que se vai producir o domingo en Galicia, imparable".

Besteiro defendeu, en referencia ás informacións publicadas de que a Xunta estaba a notificar aumentos nas nóminas aos médicos e pagando axudas aos mariscadores en plena campaña electoral, que "a democracia non se compra e os votos dos galegos tampouco". Neste sentido, precisou que fronte a "un PP desnortado, desorientado, ausente e hoxe desesperado" está a nosa alternativa progresista "con máis emprego, máis prosperidade, máis crecemento, máis pensións, máis industria, máis cohesión social, máis sanidade pública e de calidade, máis axuda á dependencia, máis vivenda pública... Iso é o partido socialista".

O presidente do Goberno Pedro Sánchez durante a súa intervención no peche de campaña do PSdeG (Foto: N.N.)
Pedro Sánchez durante a súa intervención no peche de campaña do PSdeG (Foto: N.N.)

"Nós representamos o cambio seguro e efectivo en Galicia, ese cambio que queren os galegos e as galegas, porque o 18-F imos saír gañar, imos sumarnos todos a ese proxecto dunha Galicia máis positiva e ímolo facer todos xuntos, empuxando todos a unha e coa mellor compaña, a de Pedro Sánchez. Adiante!", sentenciou Gómez Besteiro ante un público que coreaba e aplaudía ao ritmo do lema electoral Desta vai! e que foi a presentación da intervención final do peche da campaña galega do presidente do Goberno.

"Nas pasadas eleccións xerais máis de medio millón de galegos e galegas votaron ao PSOE, e quérollo agrader porque permitiu que tengamos un goberno progesista catro anos máis", dixo Pedro Sánchez, incidindo en que "se os galegos e as galegas repiten esa confianza en nós, haberá un cambio histórico, e unha Xunta centrada no social, no emprego, na prosperidade e no benestar". 

O presidente do Goberno indicou que "a campaña a Rueda estáselle facendo moi longa, como lle pasou a Feijóo; e igual que lle ocorreu a Feijóo na Xerais vaille suceder a Rueda o domingo porque o cambio é imparable". E, antes de rematar a súa intervención, defendeu o voto para os socialistas "porque é o único partido que sabe liderar o cambio, e ao alinear os obxectivos entre a Xunta e o Goberno permitirá a consecución de máis dereitos sociais, máis emprego, máis rural... E, por iso precisamos un goberno progresista na Xunta". Finalmente o presidente insistiu en apelar "á confianza dos galegos e galegas para que o domigo apoien as siglas do cambio e do progreso".

O peche de campaña dos socialistas tamén contou coa intervención do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso e da presidenta dos socialistas galegos, Carmela Silva, que estiveron acompañados, entre outros, polo ex ministro de Sanidade, José Miñones, ou os alcaldes de Vigo e da Coruña, Abel Caballero e Inés Rey.