Sábado. 27.07.2024

Un ano despois da toma de posesión, que obxectivos de lexislatura están xa cumpridos nestes últimos 12 meses?

Pois xa están en marcha as primeiras licitacións de 18 que estaban pendentes de sacar. Concretamente, xa está publicada a licitación do contrato para o servizo de asesoramento xurídico, defensa xurídica e representación procesual do Concello. Falamos dun traballo longo e tedioso que implica a varios departamentos pero que agora están tratando de sacar o máis axiña posible para recuperar unha estabilidade e ter todo en orde.

No tocante aos arranxos de estradas de vías de titularidade municipal, as principais arterias están xa asfaltadas -ou traballando nelas-. Falamos de viarios que supoñen un investimento de case un millón de euros. Temos que seguir traballando no acondicionamento dos camiños, xa que despois de 16 anos sen investimentos un pode ser consciente do mal estado no que están. Tamén conseguimos que se modificase o transporte metropolitano, ampliando a súa cobertura a máis localidades e adecuando con maior precisión os horarios.

Tamén se conseguiron novas paradas, un servizo á primeira hora da mañá ata A Ramallosa e melloras nos horarios das conexións con Santiago e Padrón. Tamén se están acondicionando as paradas do transporte metropolitano, mellorando a súa accesibilidade e seguridade para que a veciñanza poida facer uso das marquesiñas con todas as garantías. Aquí no concello son 35 as paradas que se están a acondicionar.

Conseguimos que, logo de 16 anos chovendo no pavillón municipal dos Tilos, se puidera arranxar a súa cuberta e asegurar así uns servizos de calidade para a cidadanía en xeral e a rapazada en particular. Por último, foi posible conseguir os tan demandados enlaces da AG 59, tanto para Santiago como para Padrón. Uns enlaces máis que necesarios para a mellora da conectividade cos municipios colindantes e para o propio desenvolvemento industrial e empresarial de Teo.

Que iniciativas vai poñer en marcha o seu equipo de goberno a curto e medio prazo?

Como non pode ser doutro xeito, seguiremos traballando no acondicionamento das vías municipais para facilitar o tráfico rodado, a seguridade viaria e o propio benestar da veciñanza. Non podemos tolerar que as estradas estean nestas condicións, tanto as vías urbanas como rurais. Seguiremos sacando as licitacións, que como xa dixen son máis de 17 contratos en precario dende fai anos, e conlevan un traballo arduo. Tamén se vai poñer o Concello en orde cun Plan de Prevención de Riscos Laborais, inexistente ata o de agora e sendo obrigatorio por lei, e unha Relación de Postos de Traballo (RPT), tamén inexistente ata o de agora. Estamos tamén traballando no desenvolvemento do polígono industrial, cuxo anuncio de aprobación xa saíu publicado no Diario Oficial de Galicia, e para o que contamos cunhas moi boas previsións. Temos demanda de solo industrial e moitas empresas, locais e de concellos veciños, moi interesados no seu desenvolvemento. O centro de día segue a ser unha prioridade no meu mandato e estamos a estudar a mellor fórmula de xestión, co fin de priorizar as prazas para a veciñanza de Teo e que sexan o 100% para os nosos veciños e veciñas. Tamén, entre os proxectos a medio prazo, está a reforma integral do colexio de educación infantil e primaria A Igrexa-Calo, unha demanda realizada ante a Xunta de Galicia e da que contamos co beneplácito do conselleiro de Educación. E, como non, o crecemento para a construción de vivendas e a ampliación de servizos. Somos un gran concello, temos moitas posibilidades e estamos nun punto estratéxico xeograficamente, xa que a ampliación da AG 59 ofrece moitas vantaxes e somos a mellor alternativa a Santiago.

Cales son os principais problemas que ten a vila nestes últimos tempos?

Quitando o estado das vías municipais, que están nun estado lamentable, en máis de dezaseis anos non houbo desenvolvemento en ningún ámbito, nin empresarial nin comercial. Tampouco se deron licenzas para construír vivendas e isto conlevou que o censo en Teo se estancase. Por riba, o orzamento de 2024 -aprobado logo de dous anos de prórroga- está mermado por un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 857.845,09 euros para pagar un total de 1.232 facturas pendentes.

Con todo, fomos quen de minorar o gasto en máis de 600.000 euros ao destinar os fondos do POS Adicional 2023 da Deputación da Coruña para cubrir os gastos de subministro de electricidade. De non facelo, o dito recoñecemento elevaríase a máis de 1,4 millóns de euros en pagos pendentes. Pero non me quero centrar nos problemas, senón buscar solucións reais para o benestar dos veciños e veciñas de Teo.

Temos a lexislatura por diante para demostrarlle á veciñanza que o cambio que eles propiciaron o pasado 28 de maio de 2023 foi a mellor elección. Un cambio de rumbo para volver a encarrilar Teo na senda da estabilidade e da prosperidade e presumir de concello.