Venres. 29.03.2024

Os populares de Melide mantiveron varias reunións con colectivos da vila co fin de presentar os orzamentos da Xunta para a vila. Para iso contaron coa presenza da deputada autonómica de área, Paula Prado, quen trasladou a parte da directiva da Asociación de Troiteiros Río Furelos o remate do proxecto que “no seu día solicitara o PP no goberno local a Augas de Galicia, o proxecto de eliminación de lodos da praia fluvial do Río Furelos cun investimento de máis de 216.000 euros”, explica Dalia García, portavoz popular en Melide.

Os populares agradecen “a predisposición da Consellería de Infraestruturas para cumprir coa palabra dada na pasada lexislatura agora agardamos que o bipartito melidense, que non ten movido nin un so papel ao respecto deste proxecto, o execute sen maior dilación”. Recordan dende a formación que “o proxecto conta con todos os permisos sectoriais e cando deixaron o Concello este contaba con 4,5 millóns de euros de remanente, remanente que debe ser utilizado para financiar estas obras de importancia trascendental para Melide”.

II FASE DO SANEAMETNO DA PARROQUIA DO RAÑADO

Paula Prado presentou á veciñanza a II fase do saneamento da parroquia de O Rañado, proxecto que consistirá nun investimento de 133.000 euros e que aumentará 427 metros a rede de saneamento público. Financiado nun 80% por Augas de Galicia, dende o PP agardan que “se execute este ano e que o Concello xestione, coa maior brevidade a dispoñibilidade dos terreos”.

SANEAMENTO MUNICIPAL NO PAROQUE EMPRESARIAL

A deputada popular rematou a súa visita a Melide conversando en materia de saneamento municipal con colectivos afincados no parque empresarial. Alí tal e como explica Dalia García, “a deputada informou de primeira man aos empresarios de que a ineptitude deste goberno cústalle a Melide imaxe, inversións e perda de oportunidades”.

O grupo popular melidense comprometeuse xunto coa responsable parlamentaria “a seguir moi de preto a actuación do executivo local, iniciando unha rolda de iniciativas plenarias para insistir na necesidade de acometer as obras anteriormente descritas ademais da canalización das augas do parque empresarial á EDAR municipal que xa teñen perdido unha anualidade de financiamento por culpa da parálise que sofre o concello de Melide baixo o paraugas do bipartito AM-PSOE”.