Domingo. 28.04.2024

Aceites Abril presentou, o pasado 10 de xaneiro no Mercado de Abastos de Santiago, a segunda edición do certame Talentos by Abril 2024, unha iniciativa que ten como obxectivo potenciar o talento dos futuros profesionais da cociña do norte de España, fomentar a aprendizaxe en torno á cultura do aceite e promover o uso de produtos baixo Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.), Indicación Xeográfica Protexida (I.G.P.) ou con selos de calidade.

"Eliximos novamente Santiago e máis exactamente o Mercado de Abastos, porque é o lugar idóneo para sentir a proximidade dos pequenos produtores e o mimo que eles poñen ao seu traballo", asegurou Elena Pérez, directora de márketing de Aceites Abril, quen precisou que a iniciativa tamén ten como finalidade a de "poñer en valor as auténticas despensas do mar e do campo que supoñen os mercados no noroeste, así como incidir na importancia de utilizar aceites de primeira calidade”.

Pola súa banda, o chef Iñaki Bretal, estrela Michelín, destacou “a importancia de dar a coñecer o traballo que se realiza desde as escolas de hostalería e o esforzo dos mozos profesionais por converter os produtos en propostas culinarias do máis alto nivel”, dixo durante a presentación na que tamén participaron o chef e fundador de Gastrolab Arousa, Miguel Mosteiro, e Iria Ferrín, finalista de Talentos by Abril 2023 que realizou un showcooking e compartiu cos asistentes a súa experiencia na primeira edición do concurso.

O certame desenvolverase en tres fases durante o primeiro trimestre deste 2024, e nel tomarán parte un total de 13 centros de Formación Profesional de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León. Talentos by Abril está dirixido aos estudantes destes centros (entre 18 e 38 anos) que estean a cursar o Ciclo Medio de Cociña ou o Ciclo Superior de Cociña I e II. Os centros galegos participantes son o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), CIFP Manuel Antonio (Vigo), CIFP Compostela (Santiago), CIFP Paseo das Pontes (A Coruña); IES Sanxillao (Lugo) e IES Vilamarín (Ourense).

Aceites Abril impartirá unha másterclass informativa nos 13 centros participantes na que o alumnado poderá catar as diferentes variedades de aceite de oliva virxen extra así como coñecer as súas aplicacións. A continuación todos os estudantes interesados en participar deberán presentar unha receita de elaboración propia na que se inclúan os aceites de oliva virxen de Abril e produtos con D.O.P/I.G.P ou selos de calidade do norte de España. Cada centro seleccionará un máximo de tres alumnos que tomarán parte na preselección.

Un xurado formado por profesionais vencellados a Aceites Abril e por un profesor de cada un dos centros de FP, elixirá a 13 candidatos, dos cales oito pasarán á final e terán dúas semanas para perfeccionar as súas creacións que deberán presentar en directo, ante un xurado profesional, o 15 de marzo no Centro Superior de Hostalería de Galicia en Compostela. O xurado valorará a creatividade da proposta, a elegancia, a presentación, as técnicas empregadas, o sabor e a maridaxe do prato.

A proposta gañadora desta segunda edición recibirá un curso intensivo de formación nunha das escolas gastronómicas máis prestixiosas de España, situada no País Vasco, e será nomeado cociñeiro residente de Aceites Abril o que lle permitirá realizar showcookings e maridaxes nalgúns dos eventos promocionais que a aceiteira ourensana realice a nivel rexional e nacional.