Sábado. 27.04.2024

O aceso das luces na praza de Armas, o pasado martes 5 de decembro, deu comezo ao amplo programa de actividades e propostas de ocio para todos os públicos organizadas polo Concello de Ferrol para estas datas de Nadal, e que buscan encher de vida e cor as rúas da cidade.

Entre estas actividades, cuxo programa completo pódese consultar na web do Concello, destacan o Mercado de Nadal, o iglú de Papá Noel, o cine 360º ou as cabalgatas de Reis que poñerán o broche a un mes de celebracións e reencontros.

O pasado día 8, entre as diferentes actuacións, destacou a de Iria Estévez Trío que deu un concerto no Centro Cultural Torrente Ballester, e que foi o preludio dun 9 de decembro no que foron variadas as propostas, que incluiron masterclass de fotografía pictórica con Edu Pereira no Arsenal, o pincho ilustrado con Daniel López de O Camiño do Inglés no castelo de San Felipe ou o concerto de Catuxa Salom tamén en San Felipe, nunha xornada que se completou cun percorrido fotográfico guiado polo palacio de Capitanía e Exponav.

Unha das maiores atraccións, o Mercado de Nadal, abriu as súas portas hoxe día 15 na praza de Armas e permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 21:00 horas todos os días. Dende o día 18 ao 24 de decembro Papá Noel instalará o seu iglú na praza de Amboage, e os máis pequenos poderán, ademais, desfrutar na Xogoteca no Antigo Hospicio os días 22, 23, do 26 ao 30 de decembro, e do 2 ao 4 de xaneiro. 

Coas paixoliñas, os días 22, 23 e 24 de decembro, o Nadal de Ferrol chega a un dos seus puntos álxidos, nas rúas do centro histórico, e tamén o 22, 23, 29 e 30 de decembro no mercado de abastos. O día 23 de decembro, a partir das 18:00 horas é a quenda da maxia a cargo de Magic Mateo no Centro Cultural Torrente Ballester, nunha xornda na que o Apalpador realizará un pasarrúas polo centro da cidade, e a cabalgata de Papá Noel sairá de Catabois e percorrerá varias rúas ata chegar á praza de Armas, na que recibirá aos nenos e nenas que queiran pedirlle os seus desexos.

A quenda do cine intinerante en diversos espazos da cidade, desenvolverase do 26 ao 30 de decembro, e o día 28 celébrase a festa de Nadal de Apego no Antigo Hospicio. Tamén haberá cine 360º na praza de Amboage, do 28 ao 30 de decembro, e do 2 ao 4 de xaneiro.

As cabalgatas de Reis baixarán o pano da programación de Nadal. O día 3 de xaneiro percorrerá A Malata, Esmelle, Covas, San Xurxo, O Lago, Doniños, Brión e Valón; o día 4  A Malata, A Cabana, Serantes, Viladóniga, Pazos, Mandiá, Marmacón e Santa Icía; e o 5 de xaneiro terá lugar a cabalgata de Reis na zona urbana.