Venres. 19.04.2024

A actriz e escritora de Fene, Paula Carballeira, acaba de recibir o IV Premio Laudamuco de textos Teatrais e que foi convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas nunha edición que contou cunha vintena de obras. O acto de entrega do premio realizarase o vindeiro 16 de maio nun acto en Brión.

Dentes de coello é a obra coa que escritora fenesa acadou o premio, despois da reunión telemática do xurado que decidiu por unanimidade que o traballo de Carballeira, baixo o seudónimo Terrores nocturnos, era merecedor do premio, entre outras cousas "pola atmósfera da peza na que o soño, a realidade e a violencia xeran unha paisaxe dual na que a realidade e a irrealidade se mesturan creando unha peza de gran carga atmosférica" indicou o xurado que tamén incidiu "nas grandes posibilidades de posta en escena do texto, destacando os xogos de luces e sombras, o espazo sonoro, a carga simbólica das personaxes e o desenvolvemento dunha trama surrealista e de terror" que o xurado comparou coas paisaxes audivisuais do director de cine David Lynch.

Paula Carballeira naceu en Maniños, Fene, no 1972 e é licenciada en Filoloxía Hispánica cun curso de Posgrao en Arte Dramática pola Universidade de Santiago. Adícase profesionalmente ao teatro e a narración oral desde o ano 1994. É integrante da compañía de teatro Berrobambán desde 1996, e traballa tanto como actriz como de directora, tamén de xeito ocasional para propostas doutras compañías. Ademais de contar con varias obras como dramaturga e coa concesión de varios premios, mencións e nominacións.