Domingo. 28.04.2024

A UNED de Lugo celebrou, o pasado 4 de decembro ás sete da tarde, o acto solemne que dá apertura ao Curso 2023-2024, e no que o director do diario El Progreso, Alfonso Álvarez Riveiro, foi o encargado de impartir a lección inaugural baixo o título Prensa, ¿cuarto poder?  Á apertura do curso tamén asistiron a directora da universidade a distancia de Lugo, Ana Traseira, o presidente da Deputación, José Tomé, o edil e deputado provincial, Miguel Fernández, e a vicereitora de Economía da UNED, Amelia Pérez, entre outros.

Riveiro destacou a necesidade de que no xornalismo "ten que haber unha liña divisoria clara entre opinión e información; que hai que buscar novas fórmulas para atraer ao público novo" e reivindicou "o xornalismo de proximidade", para achegar esa información alonxada dos focos á poboación máis cercana. Algo no que, incidiu, fai o seu diario: "Imos a onde ninguén vai e informamos á xente que reside en lugares dispersos que doutro xeito non tería acceso a ese tipo de novas", máis próximas, máis cercanas.

Coa evolución de Internet, Alfonso considera que hai que apostar pola complementariedade entre a edición impresa e a edición dixital, e que a prensa escrita ten que atopar fórmulas que incidan na rapidez e inmediatez coa que sí contan os xornais dixitais, mais precisa que é "necesaria a verificación sempre das informacións".

Neste sentido, no que se refiere a información contrastada, o director de El Progreso considera que "a información de calidade non pode ser gratuíta" e que o modelo dixital polo que aposta o seu diario é un "sistema mixto" entre informacións abertas ao público en xeral na web e os contidos, de pago, premium. O auxe da intelixencia artificial está a ser un hándicap para o xornalismo, polo que "estamos obrigados a estar máis vixilantes que nunca", e afirma que "debería estar regulada".

Alfonso Álvarez Riveiro foi convidado a impartir a lección inaugural co gallo do 115 aniversario de El Progreso  e que coindide cos 15 anos de vida da universidade a distancia en Lugo: "Sepáranos un século de historia, mais únenos o noso compromiso por Lugo", sentenciou.