Domingo. 28.04.2024

A Real Filharmonía de Galicia acaba de anunciar os nomes dos músicos e músicas finalistas no proceso de selección do director asistente que se está a levar a cabo durante estas semanas. Os candidatos, escollidos entre as oito persoas preseleccionadas son María Camila Barbosam Bertan Gerard Quetglas, Contança Simas e Sebastián Zinca.

O xurado valorou o bo nivel amosado por os candidatos, de feito nun principio os finalistas só ían ser tres. As obras nas que están a traballar son Dumbarton Oaks de Igor Stravinski; Schattenhaft de Hugo Gómez-Chao, e a Sinfonía num. 2 en Re Maior, op.36 de Ludwig van Beethoven.

Ao longo desta semana veñen realizando os ensaios, e o vindeiro xoves 7 de decembro realizarase un ensaio xeral pola mañá no Auditorio de Galicia en Santiago, e ese mesmo día, a partir das oito e media da tarde, terá lugar o concerto final, ao remate do cal se anunciará o nome da persoa que ocupará o novo posto de director asistente da Filharmonía.

Todos os ensaios e o concerto estarán abertos ao público, sen necesidade de facer unha reserva previa. As persoas interesadas deberán acceder á sala 10 minutos antes do inicio de cada sesión. Ademais, quen asista á actuación final poderá dar a súa opinión participando a través dun código QR que se facilitará ao inicio da mesma.