Domingo. 28.04.2024

O pasado 5 de decembro, o Concello de Ames rendeulle homenaxe a Xan María Castro Paza, veciño do municipio, presidente da Fundación 10 de marzo dende 2013, secretario xeral de CC.OO. Galicia entre os anos 2000 e 2009, e que faleceu o pasado mes de novembro.

Durante acto, organizado polo Concello e que contou coa colaboración de Comisións Obreiras no Pazo da Peregrina, o alcalde Blas García agasallou aos familiares de Castro cun retrato do sindicalista, nunha homenaxe que encheu o Pazo.

"O Concello de Ames faille esta homenaxe a Xan María porque foi veciño do municipio durante 30 anos, cunha longa traxectoria sindical e vital", asegurou o rexedor e engadiu que "independentemente de ser un veciño de Ames hai que poñer en valor que foi unha persoa que traballou e defendeu os dereitos laborais e mailos valores da igualdade".

A secretaria xeral de CC.OO, Galicia, Amelia Pérez, agradeceu en nome de Comisións Obreiras "esta humilde pero sentida homenaxe a Xan María, compañeiro curtido en mil batallas, máis home de paz no seu compromiso de vida. A min sempre me chamou a atención a súa tranquilidade, o seu sosego, leal co seu sindicato e cos principios da nosa organización", asegurou e sentenciou: "Querido Xan levarémoste sempre  no noso corazón".

O alcalde de Ames, Blas García, durante a súa intervención na homenaxe a Xan María no Pazo da Peregrina
O alcalde de Ames, Blas García, durante a súa intervención na homenaxe a Xan María no Pazo da Peregrina

Pola súa banda, o fillo de Xan María, Iago Castro, incidiu en que "o meu pai tiña algunhas virtudes e algún defecto. Entre as súas virtudes destacaría a súa disciplina, a súa bondade e a súa valentía" e destacou que "cantaba moi ben e gustábanlle as rancheiras, mailos corridos e era un ávido lector. Por último teño que lembrarme da miña nai, porque non serían as mesmas persoas se non se coñecesen, sempre se quixeron, incluso despois de separarse".

Para pechar o acto de homenaxe descubriuse unha placa e plantouse unha árbores na honra de Xan María Castro nos xardíns do Pazo da Peregrina.