Venres. 29.03.2024

Desde hoxe, mercores 15 de xuño, xa se pode desfrutar do servizo Ares desde o Mar, unha iniciativa organizada polo departamento de Turismo do Concello e que busca a posta en valor do patrimonio litoral e a divulgación da cultura mariñeira mediante o establecemento de rutas para explorar e percorrer os principais puntos costeiros do municipio e da ría.

As rutas, que se realizarán no barco M. Presas farán un percorrido polos principais atractivos do litoral aresano como as rochas das Illas das Mirandas, o Mourón ou no porto de Redes, entre outros puntos emblemáticos nos que ademais se introducirán na esencia mariñeira e pesqueira coñecendo de primeira man os aparellos de pesca, o traballo das redeiras, o funcionamento das nasas... 

Tanto a veciñanza como os visitantes que se acheguen ata Ares, as fins de semana ata o 15 de outubro, poderán subirse ao M. Presas e desfrutar deste servizo por un prezo de 8 euros para menores, e de 15 euros para adultos. As rutas terán unha duración de aproximadamente unha hora e media e haberá dúas quendas, unha de mañá nos horarios de 11.00 a 12.309 horas, de 12.30 a 14.00 horas; e pola tarde de 17.00 a 18.30 horas e de 18.30 a 20.00 horas. Para ampliar a información o reservar praza para as rutas marítimas os interesados poden chamar aos teléfonos 609 224 223 e 981 468 259 ou ben acudindo á Oficina de Turismo. 

Na presentación, a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, explicou tamén que o servizo contempla a posibilidade de realizar viaxes para grupos ou familias fóra destes días e horarios, cun aforo máximo de 12 persoas, haberá que reservar con polo menos tres días de antelación e abonar 120 euros polo servizo.

Unha iniciativa promovida pola Concellería de Turismo e integrada dentro do programa Ares Azul, cuxa finalidade é a de divulgar e dar a coñecer o enorme valor e impacto do eido mariño da localidade desde as praias ata os roteiros de sendeirismo impulsados en colaboración con outros departamentos e iniciativas, neste caso Ares Verde.

"Conectando plans de traballo podemos construír unha oferta turística máis completa, que non esqueza o deporte, como facemos coas rutas de sendeirismo municipais; nin tampouco a cultura como se está a facer co Ares Indiano e Ultramariño", incidiu Lucía Blanco na presentación.