Venres. 29.03.2024

O alumnado do CEIP Eladia Mariño desfrutou o 9 e o 10 de xuño de dúas saídas guiadas polo litoral mariño dentro do programa Cabanas Mar, impulsado pola área de medio ambiente do Concello a través do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM Cabanas). O alumnado foi guiado pola tiktoker muradá María Maceiras, coñecida polo seu traballo de divulgación ambiental mariña, ademais de ser nomeada como unha das 100 Novos Talentos polo Basque Culinary Center. Maceiras amosoulle a riqueza do litoral mariño e faloulles sobre a importancia da súa conservación e preservación.

Ademais, durante a semana, os estudantes do Eladia Mariño realizaron diferentes obradoiros nos que se traballou sobre as especies animais e vexetais mariñas das nosas rías, o sobre como coidar o medio natural. Tamén, organizáronse varias saídas ao campo nas que tomaron parte traballadoras do mar que explicaron ao alumnado a importancia do seu traballo como actividade económica vencellada ao medio mariño. 

A esta actividade, que forma parte da programación que se estableceu co gallo da inauguración do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, que se oficializará mañá venres 17 de xuño, o Concello tamén organizou unha exposición no Paseo da Madalena durante a fin de semana con panéis didácticos, na que se destaca a riqueza paisaxística da vila, o labor que desempeñan as xentes do mar e a propia identidade do municipio ligada ao medio mariño.  

Exposición Cabanas Mar no Paseo da Madalena
A exposición 'Cabanas Mar' no Paseo da Madalena