Sábado. 27.04.2024

A Deputación da Coruña vai poñer en valor os produtos artesanais, gastronómicos e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto os vindeiros días 27 e 28 de agosto de 2022.

A área de Promoción Económica da Deputación ten aberto ata o 15 de xullo o prazo de solicitudes para aquelas empresas da provincia dedicadas á elaboración de produtos artesanais, ecolóxicos, creativos, innovadores...que queiran participar nas exposicións, presentacións ou degustacións de produtos que acolle o Mercado da Luz, unha das zonas máis atractivas do recinto onde se celebra este evento musical. A Deputación reservará tamén un stand propio para promocionar a provincia como destino turístico entre as miles de persoas que asisten ao festival.

Na edición deste ano primarase a presenza de programas educativos que fomenten a conservación do medioambiente e a sustentabilidade, e os produtos artesáns que se presenten baixo a supervisión de entidades sen ánimo de lucro ou que conten con selos oficiais que acrediten e recoñezan os seus produtos artesanais, de proximidade ou elaborados con materias primas autóctonas e naturais.