Venres. 26.04.2024

O portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, visitou o xacemento arqueolóxico de Vilantime, acompañado de Lucía López, tamén concelleira do BNG en Arzúa, e de Xosé Luís Rivas “Mini”, deputado do BNG no Parlamento Galego. “Segundo informou a equipa arqueolóxica trataríase do descubrimento dunha aldea galaico-romana única na Galiza que apareceu a raíz do movemento de terras provocado pola actual construción da autovía A-54, no tramo de obras entre Arzúa e Melide, e cuxo trazado non ficaría afectado por este achado” explicou o portavoz do BNG.

Tal e como expuxeron no último pleno celebrado , desde o BNG defenden “a posta en valor deste importante achado arqueolóxico no noso concello. Para isto vai ser necesaria a implicación de todas as administracións públicas, tanto da Xunta de Galiza, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, como do Ministerio de Transportes e tamén o propio Concello de Arzúa, que debe comprometerse co mantemento e a limpeza deste enclave” explicou Carril.

Do mesmo xeito, tamén piden ao Ministerio de Transportes que se vale a parte do xacemento que actualmente está ao descuberto “de maneira que se poida protexer habida conta do interese suscitado e o importante número de visitantes que recibiu o xacemento desde que saltou a noticia” explicou o voceiro nacionalista.

Desde o BNG anuncian que rexistrarán iniciativas tanto no Congreso como no Parlamento galego, “encamiñadas a exixir a protección, consolidación e posta en valor deste xacemento” sinalou Carril.