Xoves. 25.04.2024

"Quixen reflectir desde unha perspectiva diferente o que foi Compostela durante a pandemia: desoladora e espléndida ao mesmo tempo", así describiu a fotógrafa Mónica Montero a mostra Compostela 0.0 que acaba de ser inaugurada na Casa do Cabido, que está composta por imaxes de Santiago tomadas durante o confinamento, entre os meses de marzo e abril de 2020, e que está organizada polo Consorcio de Santiago.

"Da miña paixón e interese pola fotografía xurdiu esta exposición de 51 imaxes baixo o título Compostela 0.0 que é o resultado dunha pequena reflexión sobre o ritmo de vida acelerado que levamos, e que a pandemia nos obrigou a deter, a parar, a concienciarnos en valorar o que realmente é importante", explicou Montero durante a inauguración dunha exposición que mostra a cidade desde outra pespectiva. "Estabamos afeitos a ver as rúas de Compostela con moito gentío, e isto dábame un punto de vista diferente do que quería capturar antes da pandemia".  

Ademais, tamén se presentou o libro composto polas fotografías de Montero e que van acompañadas polos textos da historiadora María Seijas. "Non o dubidei cando no 2020 preguntoume se quería contar a historia desas prazas, deses edificios, desas igrexas da zona vella e que Mónica plasmou nas súas fotografías con tanta sensibilidade", explica Seijas.

Mónica Montero, que ademais comisiona a exposición, incidiu en que Compostela 0.0 é tamén unha homenaxe a todas esas persoas que nos deixaron, "en especial a miña nai que me trasmitiu todo o agarimo por Santiago", concluiu nun acto no que estivo acompañada polo seu home Pablo Blanco e os seus fillos Daniel e Paula, entre outros familiares e amigos.

Inauguración da exposición 'Compostela 0.0'
Inauguración da exposición 'Compostela 0.0'

Belén Hérnandez, xerente do Consorcio, destacou, pola súa banda, que un dos leitmotiv da institución é a fotografía, e que todos os anos dun xeito ou doutro sempre se programa fotografía, pero esta mostra "é moi especial porque as imaxes tomáronse durante o confinamento e permiten ver a cidade desde outra perspectiva".

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou a Mónica Montero polo traballo e asegurou que a súa impresión persoal "é que aquel foi un momento de parón extraordinario no que se viviron situacións inimaxinables, coma se foran doutro planeta" e estas imaxes así o reflicten. "É probablemente a primeira reportaxe fotográfica dunha pandemia en Compostela nunha situación excepcional, xa que non hai constancia de imaxes de como funcionaba a cidade na pandemia de 1918", concluiu Bugallo que estivo acompañado ademais por outros membros da corporación municipal como Goretti Sanmartín ou Jorge Duarte. 

 A exposición está aberta ao público de balde ata mediados de outubro en horario de martes a sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00 horas.