Xoves. 28.03.2024

O Concello de Cabanas celebrou o pasado fin de semana o Paseo da la, unha cita que nace coa pretensión de se converter na primeira Feira Internacional da La Artesá con Denominación de Orixe (D.O.), e que contou cun desfile de moda, faladoiros ou un pequeno mercadillo de produtos artesáns. A finalidade é a creación dun punto de encontro internacional para o sector da la artesanal.

O evento comezou o sábado cun desfile de moda no Piñeiral da Madalena onde os asistentes puideron contemplar as pezas elaboradas de xeito artesanal. Entre elas se puido ver a primeira peza elaborada con la cen por cento galega e de Cabanas, unha creación de Lola Logaro, unha das organizadoras desta iniciativa, baixo o título Xoaniña.

Tralo desfile, foi a quenda da presentación oficial do Paseo da la na que participaron o rexedor de Cabanas, Carlos Ladra, a subdelegada do Goberno, María Rivas, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a secretaria territorial da Xunta, Patricia Busto e as organizadoras do evento, Beatriz Carbón e Lola Logaro. Durante o acto presentouse o primeiro fío de la elaborado a partires da ovella con Denominación de Orixe de raza autóctona galega e que ademais foron criadas en Cabanas. 

O rexedor de Cabanas, Carlos Ladra, explicou que "esta feira nace cunha clara pretensión de continuidade, para poñer en valor un produto de calidade como a la elaborada en Cabanas coa que dar forma a pezas únicas" e avanzou que o Concello leva tempo traballando na montaxe do Museo da La que terá a súa sede nas instalacións da Escola Laica.

O Paseo da La rematou na xornada do domingo coa celebración da primeira edición da Feira Lanar con Denominación de Orixe Artesá, diferentes obradoiros sobre as las con D.O, técnicas textiles e manexo da la, coincidindo con Día Mundial de Tecer en Público.