Venres. 26.04.2024

O Concelleiro de Servizos, Jorge Kuntz, presentou a segunda fase do proxecto de recuperación das fontes e lavadoiros municipais que deu comezo e que permitirá o arranxo e renovación de ata 14 espazos públicos.

As actuacións a levar a cabo nesta segunda fase, a primeira realizouse en marzo de 2021, adaptaranse ás necesidades de cada un dos espazos, e irán dende a limpeza interior, o desatasco, a substitución de tubos ou o selado de gretas, ata restauración de estruturas, a pintura de paredes ou a reparación de cubertas.

Os espazos que serán acondicionados son a fonte e o lavadoiro da Redonda, o lavadoiro de subida a Montefaro, o lavadoiro das Viñas (recollido no inventario como lavadoiro do Esteiro), o lavadoiro e a fonte do Baño, a fonte e o lavadoiro da Seaña (coñecido como lavadoiro da Rega) o lavadoiro e a fonte do Casal, a fonte e o lavadoiro de Simou, o lavadoiro da Barca, o lavadoiro e a fonte do Arrueiro, o lavadoiro e a fonte da Caberqueira, a fonte de Lodairo, o lavadoiro de Boado, o lavadoiro e a fonte de Xuncedo, e a fonte de San Xoán.