Sábado. 20.04.2024

O Concello de Cabanas vén de abrir, en Semana Santa, ao público unha renovada Oficina de Información e Turismo (OIT) que se caracteriza pola estrea de nova imaxe e polas actuacións de mellora realizadas tamén na contorna da mesma, situada no Parque do Areal e que ten un horario de atención ao público de 9.00 a 15.00 horas.

As persoas que se acheguen ata a Oficina recibirán en formato papel ou electrónico planos, folletos e información diversa sobre Cabanas, sobre o Camiño de Santiago ou sobre a provincia, así como información de transportes, horarios de acceso ao patrimonio e actividades de deportes, ocio e lecer.

A apertura da Oficina supón tamén un cambio cunha nova imaxe, máis actual, e coas melloras executadas na contorna e exterior da edificación, como o recubrimento da mesma cunha composición de imaxes de lugares emblemáticos do concello de Cabanas, fotografías cedidas polo cabanés Miguel González Llanos. 

O tenente alcalde e responsable de Turismo, Iago Varela, indicou durante a apertura da Oficina de Información e Turismo que "todas as previsións apuntan que nesta tempada superaranse as cifras de visitantes de anos anteriores, e estamos preparados para que as persoas que queiran coñecer Cabanas e a súa contorna poidan recibir toda a información necesaría para descubrir o noso concello".