Martes. 16.04.2024

O castelo de Moeche e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas volven abrir ao público o sábado 19 marzo, despois de pechalo a primeiros de ano para a realización de traballos de mantemento por parte do Concello. O castelo contabilizou no ano 2021 un total de 5.207 visitantes, superando a cifra do 2020, o peor ano da pandemia, nun 80%, e cun crecemento do 45 por cento respecto ao seu mellor rexistro pre-covid.

A apertura, o sábado 19 de marzo, realizarase nos seus horarios habituais de primavera: sábados, domingos e festivos de 11.00 a 18.00 horas e os mércores, xoves e venres de 15.30 a 18.00 horas. O centro contará desde a súa reapertura co técnico contratado para a atención ao público e para a relización de percorridos guiados para coñecer de primeira man a relevancia arquitectónica e a transcendencia histórica da fortificación.

A expectativa coa apertura deste novo ciclo ten como obxecto principal a reivindicación do castelo como polo turístico imprescindible do norte de Galicia e de ser un dos referentes en dar a coñecer un dos capítulos menos coñecidos da nosa historia: a convulsión revolucionaria do século XV. E para iso o Concello porá en marcha varios proxectos como a actualización y modernización dos contidos implementando solucións tecnolóxicas para facilitar a comprensión dos mesmos polos visitantes. Unha iniciativa na que o Concello de Moeche xa leva tempo traballando e actualmente está ultimando os detalles dun convenio coa Área de Turismo da Deputación da Coruña para o seu financiamento, cuantificado en 62.500 euros.

Outro dos proxectos en marcha para a promoción turística do municipio é a instalación de dous tótems de benvida ao concello, instalación de señaléctica para facilitar a chegada ao castelo e paneis interpretativos que se situarán no comezo da senda dos Muiños do Río Loureiro, no conxunto artístico do castelo, na igrexa, no cruceiro de San Xurxo e no camiño de acceso á Mina Piquito. O investimento previsto supera os 29.000 euros e o Concello solicitou fondos na convocatoria da Xunta para a mellora das infraestructuras turísticas.

O día principal do Festival Irmandiño do municipio o castelo poderá visitarse de balde, así como noutros eventos que o Concello programe dentro das instalacións da fortificación. Os prezos, horarios e demáis información pódese consultar na web do concello.