Martes. 16.04.2024

O chef do restaurante A Maceta de Santiago, Jorge Gago, foi elixido por un xurado profesional, co seu petisco, o único doce do certame, Cheesecake Actualizada, Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2022 co que gañou no concurso local Santiago(é)Tapas. 

O compostelán Hotel Monumento San Francisco recuperou a celebración da Gala Showcooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia na súa sexta edición, organizada por Turismo de Galicia e que reuniu aos sete cociñeiros das sete grandes cidades gañadores dos seus respectivos concursos de petiscos, e que onte en Santiago competiron por acadar o título de Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2022.

Nunha gala que contou con máis de 150 persoas, os chefs cociñaron e prepararon os seus pratos de gastronomía miúda en directo para o público asistente e para un xurado profesional que tras degustar todas as tapas, votaron aos seus petiscos favoritos.

O voto do público, que tamén participou no sorteo de varios regalos, elixiu como mellor tapa Mare Nostrum de Rubén González, chef do pontevedrés El Cafetín de la Alameda. Un petisco que vén representado como un anaco do fondo mariño nunha peixeira, baseado no mexillón e no berberecho con herbas mariñas, pan mariñeiro, algas, trigo, lima, cebola e porro, e todo elo baixo unha escuma de aire mariño. Tanto o emplatado como a súa frescura en boca sorprendeu gratamente ao público asistente.

Pola súa banda, o xurado profesional optou pola única tapa doce da gala, a Cheesecake Actualizada de Gago. Unha torta de queixo que se realiza a partir dunha base de puré de framboesa e cereixa, cun molde de torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre cuberta de chocolate rosa con pétalos e xel de framboesa.

Tanto o gañador do xurado como o do público recibiron un trofeo acreditativo de seren o Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2022, ademáis dun menú degustación para dúas persoas nun restaurante do Grupo Nove e unha estancia dunha noite para dúas persoas nun Hotel Balneario de Galicia.

"Temos produtos únicos e de calidade excepcional, temos profesionais de primeiro nivel, e somo, ademais, os mellores anfitrións. Non podemos estar máis orgullosos do bo facer das nosas e dos nosos cociñeiros, e toca poñelo en valor", indicou Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, que tamén foi a encarda de entregar os premios de Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2022.

Galería de imaxes.