Martes. 23.04.2024

O Concello de Cedeira acaba de iniciar os traballos de campo para deseñar novas rutas que permitan poñer en valor o patrimonio litoral e o saber mariñeiro do municipio e a súa contorna. O proxecto, Cedeira Mariñeira, que recibiu o cen por cen de financiamento a través da convocatoria do GALP da Consellería do Mar, busca a promoción de experiencias e actividades que permitan recuperar o medio ambiente e o patrimonio ligados ao mar (material, arquitectónico, natural e inmaterial), recoñecendo ao mesmo tempo os oficios mariñeiros.

Cedeira Mariñeira identificará e establecerá unha serie de rutas temáticas para a concienciación sobre a necesidade de preservar a contorna natural, patrimonial e medio ambiental, así como os oficios ligados ao mar (percebeiros, pescadores, redeiras, armadores...) ou os produtos da lonxa coa súa frescura, sabor e identidade. Os traballos de campo iniciaranse con xuntanzas entre os técnicos do Concello e os informadores turísticos da OIT de Cedeira. Nestes traballos de campo tamén colaborará o Club Candieira que ten moita experiencia e actividade na creación e organización de rutas que revaloricen o patrimonio de Cedeira e a súa contorna.

Aproveitando o verán, os técnicos identificarán rutas tematizadas tanto para a práctica do senderismo como BTT, se repartirán 3.000 folletos de material divulgativo nas instalacións municipais e establecementos de hostelería e restauración da vila, e crearanse de contidos coa gravación de audio e videotestemuñas para achegar Cedeira Mariñeira ao maior número de xente a través das novas ferramentas tecnolóxicas.