Venres. 19.04.2024

O Concello de Ames colabora coas asociacións culturais Os Castros, Follas Novas e Retranqueiros que este mesmo mes de outubro iniciaron diferentes actividades e iniciativas vencelladas ao mundo do baile e da música tradicional, e que ofertan ao longo do curso.

Este apoio vén confirmar a aposta da Concellería de Cultura pola promoción dos valores tradicionais no eido artístico, promovendo o asociacionismo, facilitando os locais para o desenvolvemento das actividades, e animando á veciñanza a participar en elas.

Nesta colaboración do Concello co tecido asociativo, Cultura programou xa desde o mes de marzo un total de 30 actuacións de grupos tradicionais nas festas locais de Ames, a través do programa Música nas parroquias, polo que pasaron as agrupacións As Maianas, Airiños do Paseo de Colón, Os Castros, Retranqueiros, A Requinta da Maía, e as corais Lojo Batalla e Antonio Santomil.

Entre as actividades nas que colabora o Concello están as clases e obradoiros, que se iniciaron o pasado 1 de outubro para todos os públicos desde os 3 anos, que organiza a Asociación Cultural Retranqueiros e que inclúen ao longo do curso baile tradicional, pandeireta, gaita, percusión ou acordeón, e que se desenvolven na Casa da Cultura no Milladoiro.

Follas Novas contará con cursos de pandeireta para adultos, acordeón cromático e diatónico, gaita e  percusión, violino e baile tradicional para adultos que comezou o pasado día 5 en Aldea Nova. O resto de actividades terán lugar no local de Cruxeiras.

Por último, o Concello de Ames tamén colabora co grupo de baile en Bugallido e coas aulas de gaita e percusión en Bertamiráns, Biduído, Transmonte e Bugallido e que organiza a Asociación Cultural Os Castros.