Xoves. 28.03.2024

A sexta edición de Ereguéifate, certame que se desenvolve de outubro ata abril, xa está en marcha desde que o pasdo día 7 foi presentado no Concello de Ames, nun acto no que participaron os municipios da bisbarra Santiago, Ames e Teo, que impulsaron conxuntamente este certame reguefeiro, cos de Pontevedra e Carballo.

O obxectivo deste econtro de regueifa é o de difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega. Aínda que é un certame principalmente dirixido ao alumnado e ao profesorado galego, tamén conta con actividades pensadas para o coxunto da cidadanía.

O 14 de outubro arrincou esta nova edición cunha actividade formativa para o profesorado que se desenvolveu no espazo Apego de Santiago e que contou con un total de 30 participantes. Foi impartido polos reguefeiros Séchu Sende, Manolo Maseda, Lupe Blanco e O Rabelo, que adondaron no movemento social e educativo da improvisación oral en verso, e aprenderon a traballar a regueifa coa perspectiva cultural do século XXI.

Os obradoiros de improvisación oral para o alumnado tamén se iniciaron durante este outubro, e desenvolveranse ata o mes de decembro nos centros escolares de todos os concellos impulsores do proxecto.

O certame reguefeiro, aberto ao público en xeral, é unha das actividades con máis acollida desde que se iniciou o Enreguéifate. Un concurso que ten como obxectivo que estudantes e público se apunten á práctica da arte da improvisación oral en verso coa regueifa. O prazo de inscricpión estará aberto do 10 de novembro ata o 10 de marzo de 2023. Este ano haberá dúas categorías: xeral e escolar con 6 premios en cada unha delas: á máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada. 

Os premiados coñeceranse a finais de marzo, e recibirán os seus galardóns na gala final que está prevista para o 14 de abril no Auditorio de Galicia en Compostela.