Venres. 29.03.2024

A capital galega volveu ser o epicentro do cinema de autor coa 19ª edición do Festival Curtocircuíto. Unha semana adicada aos filmes e ás artes visuais e que reuniu en Compostela, do 1 ao 9 de outubro, a máis de 100 convidados vencellados ao audiovisual, que participaron no amplo programa de actividades, proxeccións, concertos e espectáculos, dunha iniciativa organizada polo Concello de Santiago baixo a dirección artística de Pela del Álamo.

O pasado domingo 9 de outubro Curtocircuíto deu a coñecer os premios e os gañadores desta nova edición, tralo acto de clausura do Festival, e as deliberacións dos xurados das diferentes categorías. Así, o xurado de Planeta GZ concedeu o Premio Galiza á mellor película galega a Memory, da compostelana Nerea Barros; e unha mención especial para Alberte Pagán por Elefante. A galega, tamén recibiu o Premio CREA á mellor dirección por este traballo.

O público agardando para ver os filmes do Festival
O público agardando para ver os filmes do Festival

Love & Revenge, dirixido por Anhar Salem, levou o Premio do xurado Radar ao mellor filme da sección; mentres que o xurado Explora considerou como o mellor traballo Laika de Deborah Stratman. O xurado do Premio Penínsulas decidiu que a mellor película de sección era Diez minutos hasta la media noche, de Mario Sanz; e concedeulle unha mención especial a Ana Pfaff e Jaume Coscollar polo seu filme Femer. O Premio do xurado Novo á mellor curtametraxe levouno Subtotals, de Mohammadreza Farzad, pertencente á sección Radar. E, concedeu ademais unha mención especial a Camera Test de Siegfried A. Fruhauf pertencente á sección Explora. Finalmente, o Premio do Público foi para Hideous de Yann González, encadrado dentro da sección Radar.

#OUTRACOMPOSTELA
O Premio #OutraCompostela, que se concede á mellor peza audiovisual dunha iniciativa enfocada á educación vocacional e profesional no eido do cinema, posta en marcha coa Universidade de Santiago (USC), e dirixida ao alumnado, foi para Ollada noutra Compostela, elaborada por Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas e Diana Iglesias. Os alumnos tiveron que inspirarse, para a creación das súas pezas audiovisuais, nas fotografías de Martin Parr (Agencia Magnum) durante a súa visita a Compostela no Xacobeo do ano 1993.

O Festival, que tivo como eixo o Teatro Principal, contou tamén con actividades para escolares e universitarios, concertos, espectáculos, mesas redondas, laboratorio para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, clases maxistrais, encontros con diretores ou encontros online, e nos que participaron profesionais do audiovisual como Pilar Palomero, Pedro Costa ou Todd Solonz. 

Representantes do Concello e da organización
Representantes do Concello e da organización