Xoves. 25.04.2024

Instalarase maquinaria escénica por un valor total próximo aos 18.000 euros no Centro Sociocultural Mingos de Pita. Con este investimento, poñerase solución ás carencias en equipamento escénico do auditorio, que ata o de agora non puido aproveitar todo o seu potencial.

Esta iniciativa permitirá converter o auditorio do recinto nun equipamento público axeitado para actuar como importante espazo cultural local.

A adquisición de nova maquinaria dotará o auditorio da estrutura necesaria para dar soporte a equipos de iluminación, son e tramoia. O equipamento escénico que se adquirirá comprende un sistema de colgado fixo co que dar soporte a aqueles elementos necesarios nas representacións que non forman parte da estrutura do auditorio.

O equipamento a mercar inclúe tres truss de aluminio triangular; dous polipastos eléctricos de cadea de 250 quilogramos; dúas varas electrificadas en tubo de aluminio cadrado de nove circuítos; dous adaptadores para elevar e suspender o truss; un mando de motor de armario fixo; un pantógrafo para fíos de cinta plana na vara de carga; unha liña de cinta plana de 18 circuítos de 25 metros; unha subministración e instalación de sinal de DMX no truss e un dimmer de seis canles.

O investimento para a adquisición de material será de 17.670,46 euros. Desta cantidade, 6.926,82 euros serán achegados pola Xunta de Galicia a través dunha subvención para equipamento de maquinaria escénica concedida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O resto do investimento será achegado polo Concello.