Martes. 16.04.2024

Actuacións teatrais, iniciativas gastronómicas, de narración oral, cine e obradoiros dirixidos á veciñanza do Concello da Baña, son parte do programa do mes de outubro incluído no Outono Cultural, deseñado polo departamento de Cultura para o último trimestre do ano. Ademais, tralo parón pandémico, regresan o Feirón e a romaría da Re-Volta, dúas das citas máis agardadas, así como o magosto e a Festa dos Maiores.

Así, o obradoiro programado para outubro é o de arranxos florais de outono, que se impartirá os días 5, 19, 22 e 26 deste mes, no local social de Corneira, no de Lañas, no de Troitosende e no de San Vicenzo, respectivamente, en horario de de 16:00 a 19:00 horas. O Outono Cultural programaou tamén dúas sesións de narración oral, o día 14 ás 19:15 horas, no Auditorio Municipal con De cea cos difuntiños de Iseo e a Moura. E, o día 18 ás 10:00 horas no Punto de Antención á Infancia, será a quenda de Raquel Queizás con Nano vai á escola.

A veciñanza da Baña tamén poderá desfrutar en outubro coas tradicións, a gastronomía, a cultura e o ocio; xa que o Outono Cultural recupera o Feirón e a romaría da Re-Volta este domingo día 9, no que a carballeira de Ceilán regresa aos anos 50, nunha cita que contará co mercadiño tradicional e con diversos espectáculos e actuacións. Ás 12:00 horas, a cativada ten programados os Xogos do Paporrubio. Contra as 16:00 horas, as Regueifeiras de Galicia subiranse ao escenario, para ás 17:30 horas comezar cos contos ilustrados Polo correo do vento

O día 15 de outubro adicarase aos máis maiores do concello cun xantar popular no polideportivo municipal, na que xa é a tradicional Festa dos Maiores. O sábado 29, nas Escolas Vellas (18.00 horas) o magosto e O Quitamedos, serán os protagonistas, mentres que o 28 de outubro é a quenda do cine, para maiores de doce anos, coa proxección de Malencolía, de Alfonso Zarauza, no Auditorio Municipal a partires das 21:00 horas.

Todas as actividades son gratuítas, agás a saída prevista para o mércores 19 de outubro en autobús ata Compostela, para asistir no Salón Teatro á representación da obra Recortes, do Centro Dramático Galego, que terá un custo de seis euros.