Sábado. 27.07.2024

Unha explosión de sabor chegará aos establecementos hostaleiros de Ares nas xornadas do 7, 8, 14 e 15 de maio cunha nova edición de DesgustAres, o concurso de tapas que organiza a Concellería de Turismo e Comercio e que ten entre os seus obxectivos dar a coñecer a oferta hostaleira e a dinamización social e económica do municipio a través da gastronomía, según indicou a concelleira Lucía Blanco durante a presentación do certame.

DesgustAres arrinca a fin de semana do 7 de maio, e remata o día 15, e durante estas catro xornadas, os clientes, que saberán de antemán os horarios nos que estará dispoñible a tapa en cada bar, poderán degustar os petiscos e puntualos do 1 ao 10 empregando unha folla cuñada polo local e que foron deseñadas específicamente para o concurso.  

Para incentivar a participación, a concellería non só premiará aos establecementos participantes, senón tamén a todas aquelas persoas que se animen a degustar e valorar as tapas, todos eles entrarán nun sorteo de cinco vales de 100 euros cada un para gastar no tecido comercial de Ares. Os establecementos gañadores repartiranse 1.200 euros en premios do seguinte xeito: 500 euros para o local gañador, 400 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro, ademais do seu correspondente diploma acreditativo. Estes premios tamén serán en forma de vales para investir nos comercios adheridos á campaña municipal de consumo de proximidade MercAres.

O prazo de inscripción para os establecementos interesados en participar nesta edición do concurso de tapas  DesgusTares remata o vindeiro 22 de abril.