Domingo. 28.04.2024

O Consorcio de Santiago e a Editorial Guiverny presentaron o pasado xoves 30 de novembro o libro Sagas empresariais de Santiago; que coeditan entre ambos e que pertence á Biblioteca de Divulgación do Consorcio. Esta publicación componse de 15 textos de nove autores distintos nos que en cada un deles fálase dunha dinastía empresarial compostelá. Uns relatos coordinados por Miguel Cabo Villaverde, catedrático de Historia na Universidade de Santiago, e por Rafael García Ferreira, doutor en Historia Contemporánea na mesma institución.

"A historia de Santiago da idade contemporánea tamén é a historia das súas empresas e industrias, e dentro delas, neste libro ponse o foco nas empresas familiares", aseguraron os autores durante a presentación no Centro Internacional de Prensa de Galicia na Rúa Nova, e na que tamén participaron, ademais dos editores, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a directora da editorial Guiverny, Belén Fortes, e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

No libro recóllense, entre outros, relatos sobre Simeón García, a familia Harguindey, a saga de prateiros Otero, Chocolates Raposo, a Compañía Minera Celta, os Castromil, a familia Bescansa, as orixes de Finsa ou os irmáns Portela Seijo. Uns relatos que permiten, por unha parte, completar a imaxe da cidade e, pola outra,dar un novo punto de vista acerca de pezas fundamentais da memoria histórica de Compostela a través de empresas da que boa parte delas están en activo nos nosos días.

Entre os autores dos textos atópanse Conchi López Sánchez, Herminia Pernas Oroza, Ana Pérez Varela, Xavier Castro Pérez, Xurxo Antelo Alvite, Daniel Seijas Llerena e Eduardo Rico Boquete, ademais dos dous editores. Todos eles teñen relación coa Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.