Venres. 26.04.2024

O CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro, no concello de Oroso, acolleu a inauguración oficial do proxecto O Camiño Inglés na Escola, unha iniciativa educativa que busca a sensibilización e a difusión dos valores xacobeos entre o alumnado de educación primaria dos 16 municipios polos que discorren por esta ruta de peregrinación. O acto contou coa presencia dunha veintena de alumnos do centro, con Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, entidad que impulsa a iniciativa; e coa directora de Turismo de Galicia da Xunta, Nava Castro. O financiamento íntegro do proxecto corre a cargo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do Goberno galego.

"Isto faise para dar a coñecer o Camiño Inglés, do que sempre digo que é un diamante en bruto que pasa por diante das nosas casas e por onde cada vez transitan máis peregrinos: galegos, do resto de España, ingleses, franceses, italianos, portugueses...", díxolle Mirás á cativada ao tempo que agradeceu a Nava Castro a súa total colaboración co proxecto e lembrou que "o camiño hai que repectalo e queremos que tamén llo digades ás vosas familias". O Camiño Inglés, lembrou Mirás, "foi na idade media o máis importante de todos os Camiños de Santiago, xa que a gran maioría de peregrinos que viñan do norte de Europa, prefiría vir en barco ata os portos da Coruña ou de Ferrol".

Pola súa banda, Nava Castro puxo en valor a posta en marcha da primeira iniciativa do proxecto: O Xogo da Oca do Camiño Inglés, do que desfrutou o alumnado de Sigüeiro. "O xogo da oca comeza precisamente grazas ao Camiño de Santiago. Xogábase hai 1.200 anos en Europa", aclarou a directora de Turismo de Galicia que tamén felicitou á Asociación de Concellos do Camiño Inglés pola iniciativa xa que "nós estamos con proxecto Veo, veo Xacobeo, intentando facer algo similar e isto é un luxo que se podemos imitar e nos deixades, estaremos encantados de facelo para que cadaquén saiba o que ten no seu Camiño".

Os representantes do Concello e da Xunta durante o acto de inauguración do proxecto en Sigüeiro
Os representantes do Concello e da Xunta durante o acto de inauguración do proxecto en Sigüeiro

Durante unha hora, o alumnado do CEIP Plurilíngüe de Sigüeiro xogou a este tradicional xogo, adaptado con ilustracións co máis representativo de cada unha das etapas do Camiño Inglés desde o punto de vista patrimonial, cultural e paisaxístico, e a motinora explicáballes detalles dos concellos polos que discorre o xogo.

O proxecto O Camiño Inglés na Escola iníciase nos concellos de Pontedeume, Betanzos e Oroso, para posteriormente desenvolverse no resto de municipios que transcorren por esta ruta, e non só na provincia da Coruña, porque a iniciativa tamén púxose en marcha en colexios de Inglaterra como o St. Godric's de Auckland. 

Manuel Mirás e Nava Castro estiveron acompañados durante a inauguración polo director do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro, Francisco Ávila, así como polo alcalde do Concello de Oroso, Luís Rey, a tenente de alcalde, Isabel Fernández, e o voceiro do PP orosán, Alexánder Doval.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés constituíuse en febreiro de 2019 e está formada por 16 municipios: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Compostela.