Xoves. 18.04.2024

O Concello de Negreira vén de presentar a da XV edición da súa Feira do Románico, unha cita xa consolidada como de referencia das recreacións históricas, e que “recupérase en todo o seu esplendor”, indicou o rexedor Manuel Ángel Leis, xa que a celebración nos dous últimos anos estivo limitada polas restricións da pandemia. A transformación da vila terá lugar os vindeiros días 2, 3 e 4 de setembro.

“O noso obxectivo nesta edición é seguir consolidando a nosa Feira do Románico como unha cita na que desfrutar da artesanía, a gastronomía e os espectáculos. Un evento que gaña notoriedade e que xa é unha referencia das recreacións históricas”, indicou o alcalde durante a presentación desta nova edición, nun acto no que estivo acompañado polas concelleiras Teresa Duro e Mar García.

Un dos maiores atractivos da feira, o Gran Torneo Medieval de Cabalos, celebrarase de novo, anunciou o alcalde na posta de longo dun programa que contará con espectáculos musicais, de ambientación medieval, acrobáticos, pirotécnicos ou unha demostración de cetrería. Ademais, os máis pequenos contaran co seu propio espazo, o recuncho infantil, con actividades pensadas e dirixidas especialmente para eles. Tamén, o Concello ofrecerá un servizo de aluguer de traxes de época para unha Feira do Románico que “supón un importante pulo económico para a nosa vila como atractivo turístico e que repercute en todos os sectores económicos”, explicou Leis.

Neste sentido, o rexedor convidou a toda a veciñanza e aos establecementos da vila, para que colaboren decorando os seus edificios con adornos da época, e animou a todos, tamén á xente que visita Negreira, a desfrutar desta festa, ao tempo que agradeceu o traballo de todas as persoas involucradas na organización por “permitir que neste 2022 recuperemos no seu máximo esplendor a nosa Feira do Románico”, conluíu.