Luns. 06.05.2024

A empresa amesá Escuela Inventa, coa colaboración do Concello de Ames, organizou o pasado sábado 2 de decembro a vixésimo terceira edición do Lab Class-Más que palabras, unha iniciativa na que relatores e relatoras noveis, de diferentes sectores empresariais, disertaron e realizaron diferentes exposicións nas que compartiron as súas experiencias profesionais poñendo a proba as súas habilidades comunicativas.

Esta nova edición, que se desenvolveu na Casa da Cultura do Milladoiro de 11:00 a 18:00 horas, serviu tamén como última proba para as persoas participantes nun dos seminarios de Escuela Inventa para aprender e mellorar a falar en público, cunha experiencia real que lles permitiu ensaiar as técnicas adquiridas durante a formación comunicativa. Foron os Momentos Inspiradores, e nos que introduciron ideas, visións e aprendizaxes vencelladas ás súas propias traxectorias profesionais.

O alcalde do Concello de Ames, Blas García, foi o encargado de abrir o acto informativo, xunto co director da Escola Inventa, Eloy Gesto, e co exalumno da escola e poñente na pasada edición da Lab Class, Antonio Meijome. Na entrevista de Gesto a García que iniciou a xornada, ambos repasaron a realidade de Ames nos últimos tempos, así como o crecemento que experimentou o municipio dende comezos do S.XXI  e a aposta do Concello a prol da formación e a conciliación.

Así, Blas García explicou que "no ano 2000 éramos 16.000 persoas, hoxe estamos preto das 32.000", e precisou que "este crecemento tan rápido explícase porque Ames dá resposta á gran demanda urbanística na comarca de Santiago, e á nosa rede de servizos de conciliación, que fan de Ames un lugar moi atractivo para construír un proxecto de vida".