Sábado. 27.07.2024

A Casa do Concello de San Sadurniño acolle ata o vindeiro 14 de xuño a mostra fotográfica Inventario de Melania Freire (Lugo, 1991), unha nova creadora que abarca diferentes disciplinas como o deseño de moda, a dirección de arte para cine e teatro, o deseño de produción ou a fotografía, entre outras. A creadora lucense, que traballa tanto dentro como fóra de Galicia, gañou no 2019 o premio Mercedes-Benz Fashion Talent. 

A exposición, como define Melania Freire na súa páxina web, "é a miña forma de achegarme a unha tradición que non vivín, a través dos obxectos que conforman a miña experiencia na casa familiar", e precisa: "e para iso traballei sobre todo o téxtil, como os panos, polo que nesta mostra atoparedes unha reflexión persoal acerca daqueles obxectos que compoñen a miña primeira memoria, á miña primeira identidade, unha forma de achegarme a eles para comprendelos e traelos de novo á miña contemporaneidade". Pero ademais dos panos, as persoas que se acheguen ata a mostra tamén atoparán coidadas reproducións fotográficas de cobertores e mantas maragatas.

Melania Freire, o 14 de xuño, último día que estará aberta a mostra ao público, conducirá unha visita guiada pola exposición a modo de obradoiro informal para facer partícipes ás persoas que se acheguen das motivacións que levaron á autora a desenvolver este proxecto, e intentar que os visitantes acaden as mesmas conclusións ás que ela mesma chegou. Para poder participar neste percorrido é preciso inscribirse a través do teléfono 981 490 027 ou enviar un correo a [email protected]. O mesmo día 14 informarase do horario no que se desenvolverá esta visita guiada pola autora.