Venres. 26.04.2024

O Partido Popular melidense móstrase “preocupado polo estado e pola imaxe que está dando a vila aos turistas e veciños”. Dende o PP piden “máis e mellor implicación do bipartito xa que nin Melide nin os seus visitantes merecen semellante desleixo”.

Dalia García, portavoz popular explica que “lamentablemente vivimos nun Concello onde cada vez se pagan máis impostos pero a imaxe é penosa: o Cantón de San Roque, epicentro da vila, atópase nun estado de abandono: a pedra de cantería está fendida en moitos sitios sen que ninguén tome conciencia, a N-547 en pleno ano Xacobeo ten un estado de conservación nulo, a fonte dos catro caños, elemento fundamental do centro urbano ten un olor e un aspecto insalubre, por non dicir que a praza maior da nosa vila e a máis emblemática onde se xunta o Camiño Primitivo e o Camiño Francés apenas se pode desfrutar nesta primavera porque se atopa sen luz”.

Para García “é un síntoma máis dun goberno bipartito que a pesares de que ten as necesidades diante das súas narices é tal a cegueira que non son capaces de ocuparse do máis esencial e coidar a imaxe da nosa vila; mesmo as bandeiras oficiais que penduran da casa consistorial se atopan rachadas”.