Xoves. 25.04.2024

A segunda edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade botou a andar o pasado venres en Pontedeume cun showcooking do cociñeiro galego Álvaro Villasante no CIFP Fraga do Eume da localidade coruñesa. Unha iniciativa da Consellería de Vicepresidencia Segunda e da Consellería de Economía para dar a coñecer os produtos e as empresas que integran a marca Galicia Calidade entre o alumnado dos principais centros de hostalería de Galicia.

A demostración á que asistiron unha veintena de alumnos do centro, Villasante centrouna en tres dos produtos de referencia de Galicia Calidade: a pescada de pincho de Celeiro, o touciño de porco e o polbo. Ademáis, contou coas empresas do selo galego como Jamones González, Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Rosa de los Vientos, Queixería Daniberto e NorIbérica de Bebidas.

O galego Álvaro Villasante, xerente do restaurante Paprica de Lugo, conta con máis de 20 anos de experiencia, acadando para o restaurante que rexenta o distintivo Q de calidade, mención na Guía Michelín e o selo Galicia Calidade. Forma parte do Grupo Nove, integrado por 22 chefs galegos que teñen como obxectivo poñer en valor os produtos galegos do mar e da terra. 

"Este tipo de iniciativas axudan ao estudiantado a familiarizarse cos produtos da nosa terra e ás empresas que traballan co eles", asegurou a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que acudiu á demostración coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.