Xoves. 18.04.2024

O Concello de Melide presentou na Casa do Concello a campaña de normalización lingüística “Melide agora e sempre en galego”. A iniciativa, en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, procura impulsar o uso da lingua galega no ámbito funerario: dende os actos fúnebres ás necrolóxicas, pasando polas derradeiras vontades ou as placas mortuorias. Trátase de que o galego teña unha presenza neste ámbito coherente co uso maioritario que a veciñanza melidá fai decote da lingua propia de Galicia.

Dentro desta campaña, o Concello asinou un documento coas funerarias, marmorarías e florarías da localidade para promover os servizos en galego por parte destes negocios. Asinan o documento a Funeraria El Mueble, Funeraria Vizcaíno, Floristería Maru, Floristería Tarrío, Floristas Esther e Cris Conde, Marmolería Melide, Marmoleria Caenva e o propio Concello de Melide. Dentro das disposicións do acordo, estes negocios comprométense a ofrecer os seus servizos tamén en galego, incluíndo notas necrolóxicas, fitas de flores, documentación ou lápidas.

As empresas asinantes promoveran positivamente o galego no seu contacto coas persoas e familias que adoitan falalo, ofrecendo a posibilidade de que o servizo mortuorio e todo o material asociado se realice en lingua galega. Tamén se respectará a toponimia oficial nos textos, e promoverase o uso do galego nas publicacións. Para facilitar a tarefa, o Servizo de Normalización Lingüística de Melide porase ao dispor destas empresas. Ademais, estas recibirán un Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios.

Dentro da mesma campaña, o Concello colocará placas conmemorativas na entrada dos cemiterios municipais (o Castelo e Furelos) que rezarán “Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. Trátase de homenaxear así o legado lingüístico dos devanceiros. Dentro da mesma acción dinamizadora, terá lugar unha declaración institucional do Día da Restauración Lingüística.

Ademais, o Concello promoverá entre a veciñanza a posibilidade de testar en lingua galega. As derradeiras vontades redáctanse maioritariamente en castelán, malia tratarse o galego da lingua máis habitual en Melide.

Por último, a campaña buscará sensibilizar sobre o uso do galego na liturxia dos enterros. Cabe dicir que dende 1969 o galego é oficial nas celebracións relixiosas. A relixión católica é maioritaria en Melide e boa parte das persoas crentes e persoas practicantes son galegofalantes. O Concello entende que a veciñanza ten dereito á presenza do galego en todas as dimensións da relixiosidade e tamén no momento da despedida dos seus seres queridos.