Venres. 19.04.2024

Os últimos días de setembro celebrouse un pleno ordinario no Concello de Ames. Nesa sesión, a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos abordados. Deste xeito aprobouse un suplemento de crédito, por importe de 1.546.120,20 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Tamén se aprobou por unanimidade a primeira modificación do Plan de medidas antifraude; a primeira prórroga do convenio de colaboración entres os Concello de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá; a participación do Concello de Ames na segunda fase do POS+ Adicional de 2022; o regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante; e a ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de postos en dito mercado. Ademais, presentáronse dúas mocións por vía de urxencia, que tamén foron aprobadas por unanimidade. Unha para solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña, coa finalidade de cofinanciar o proxecto "Ames AV-LAB Laboratorio”, para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames, e outra para financiar a parte que lle corresponde ao Concello deste proxecto.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 233 decretos que van do 2.761 ata o 2.993. No apartado de deliberación e acordo en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de agosto.

A continuación abordouse a primeira modificación do Plan de medidas antifraude do Concello de Ames que foi aprobado na sesión plenaria do 31 de maio de 2022. A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, explicou que se modificou o apartado 4 sobre control interno. Anteriormente estipulábase a esixencia aos solicitantes, contratistas e subcontratistas de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia que adoptasen, de maneira previa, un plan de medidas antifraude. Esta esixencia implicaría restrinxir en certa medida a participación das pequenas e medianas empresas nos procesos de licitación e en especial daquelas que de forma predominante integran o tecido empresarial amesán. Co cal, suprimiuse esa esixencia para as PEMES e autónomos pero pódese esixir ás empresas que teñan capacidade de telo.

Tamén se modificou o apartado 7.1.3 do plan de medidas antifraude para estruturar de xeito máis claro os momentos exactos nos que se precisan as declaracións de ausencia de conflito de interese, tendo en conta que as mesmas se conteñen no plan coma unha das medidas para a prevención da fraude e o conflito de intereses é fundamental que os responsables da xestión e tramitación dos diferentes expedientes de contratación e subvencións teñan claro quen e en que momento cada un dos suxeitos que interveñen no expediente deben asinar a mesma.

Outro dos temas que se abordou foi a primeira prórroga do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que dito convenio foi aprobado na sesión plenaria do 2 de setembro de 2021 para a posta en marcha do servizo de atención temperá que comezou a prestarse de xeito conxunto o 1 de novembro do pasado ano. Durante o primeiro ano de vixencia de dito servizo púxose de manifesto a gran demanda que está tendo entre a poboación do concello de Ames. Na actualidade estase atendendo a 33 nenos e nenas de 0 a 6 anos con necesidades especiais. Ademais, existe unha ampla lista de agarda polo que se está valorando a posibilidade de incrementar a oferta existente. Tralo correspondente debate o Pleno aprobou por unanimidade prorrogar por un prazo dun ano o convenio que se estenderá ata o 31 de outubro de 2023 e materializaríase nunha addenda.

Ademais, aprobouse por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 (segunda fase da Deputación Provincial da Coruña). Segundo explicou o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, no POS+ Adicional ao Concello de Ames correspóndenlle 946.000 euros. No pasado mes de febreiro aprobouse que esta contía se ía dedicar a catro obras, incluídas no plan complementario, e agora aprobouse que a contía de 169.000 euros se dedicará á revisión excepcional de prezos das obras que se van executar.