Venres. 26.04.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitou o Restaurante Casa Taboada, un dos beneficiados pola orde de axudas para investimentos en equipamentos post Covid dos establecementos hostaleiros que lle permitiu renovar a seu sistema de climatización.

Trenor explicou que o obxectivo destas axudas foi “seguir colaborando na modernización das instalacións e na consecución da maior seguridade sanitaria nos establecementos hosteleiros galegos". Na comarca de Santiago recibiron estas axudas un total de 19 establecementos por un importe de case 250.000 euros. No ámbito galego estes apoios ascenderon 3 millóns de euros

O delegado da Xunta puxo en valor este tipo de axudas porque “son inxeccións moi importantes para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os estándares de calidade dun sector fundamental para a economía galega”.

A liña de axudas da Xunta para a dotación de equipamentos poscovid, estivo orientada a micropemes e pemes do sector da hostalería, como hoteis, hostais, casas rurais ou outro tipo de aloxamentos e bares, restaurantes e cafeterías.

Os beneficiarios recibiron achegas de ata o 90% do seu investimento cunha contía máxima de 50.000 euros e as actuacións deberán orientarse á adquisición de medidores calidade do aire, sistemas domóticos ou de check-in automático, redes de control de distancia, accesos e aforos, infraestruturas de ventilación e climatización do aire, cartelería, rotulación ou sinaléctica.