Sábado. 27.07.2024

O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado 3 de xuño a concesión de 3.954.376 euros, no marco da liña de axudas PEL-Emprende da Deputación da Coruña. Cada un dos beneficiarios, 427 empresas e profesionais autónomos da provincia, percibirá entre 2.450 e 17.500 euros. Esas partidas destinaranse a investimentos vinculados ao desenvolvemento destes negocios.

O presidente da institución provincial considera estas axudas fundamentais “para a creación de emprego e actividade económica no rural, un aspecto fundamental se queremos fixar poboación e apostar por un rural vivo e con futuro”. Segundo Valentín González Formoso, “a elevada demanda· obrigou a incrementar o orzamento nun 43%, ao pasar dos 2,7 millóns previstos ata os case 4 millóns.

A partida vai dirixida a microempresas, pemes e autónomos con sede en concellos rurais de menos de 10.000 habitantes. Os cartos do PEL permitiranlles adquirir desde aplicacións informáticas ata mobiliario, maquinaria ou equipos de información, destinados ao crecemento, modernización e dixitalización dos seus negocios. En concreto, as axudas cubren ata o 70% do investimento necesario.

Cabe destacar que 195 das empresas e autónomos aos que lles foron concedidas as axudas dedícanse á  actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca, e que o 100% das beneficiarias non percibiran cartos do PEL axudas na convocatoria anterior.

Por concellos, o de Mazaricos, con 39 concesións, é o que se sitúa á cabeza da provincia, seguido de Fisterra, con 23, e Val do Dubra, con 22. Mazaricos tamén é o municipio que acadou a maior parte do orzamento, seguido da Baña. Se atendemos á distribución das axudas por comarcas, o primeiro posto é para a de Santiago, con 151 solicitudes concedidas por valor de 1.542.825,86 euros, seguida da comarca de Bergatiños-Costa da Morte, cun total de 100 concesións por 735.740,05 €.

Preto de 4 millóns en axudas do PEL da Deputación para microempresas, pemes e autónomos