Sábado. 27.04.2024

Tejas Verea inaugurou a nova liña de produción na que fabricará a nova gama Eternal de tellas planas e mixtas, así como todas as pezas especiais cerámicas necesarias para a montaxe dun tellado coas diferentes gamas de produtos, cun investimento global de máis de 3 millóns de euros.

Os produtos da nova gama Eternal terán unha calidade similar ao gres cerámico, con alta durabilidade e escasa porosidade, que lle permiten ofrecer ata 100 anos de garantía. Ademais, as tellas e pezas especiais contarán co selo de certificación Galicia Calidade.

O investimento global da modernización da liña de produción inclúe a instalación dunha planta falta fotovoltaica, con 1.800 paneis solares, que lle garante o 100% da subministración de enerxía eléctrica que se consome na mesma. Unha actuación que se enmarca no compromiso da compañía na loita contra o cambio climático e a redución da emisión de gases contaminantes.

“Non hai outra fábrica igual que esta en toda España e este salto tecnolóxico permítenos superar os límites da calidade que conseguiramos ata o momento” subliñou Luis Verea, CEO de Tejas Verea, durante a visita institucional á fábrica do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana; e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, entre outras autoridades locais.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou “o carácter innovador desta empresa instalada en Mesía fai máis de 50 anos e a súa presenza no mundo, vendendo o seu produto a máis dunha 30 de países. Que unha gran parte do mercado se faga con tella galega e saia desta fábrica quere dicir que as cousas se fan moi ben, ademais nun mundo tan competitivo como o de agora”.

SISTEMA DE CONTROL DE CALIDADE AUTOMÁTICO

A produción da nova gama de tellas realízase con tecnoloxía de prensado en moldes individuais de escaiola, o que permite fabricar pezas de xeometrías complexas nun forno de cocción rápida a 1.170 graos. Ademais, dispón dun sistema de control de calidade automático, baseado na visión e son artificial, que analiza o 100% das tellas e detecta fisuras imperceptibles ao ollo humano.

A posta en marcha da nova planta supuxo a contratación de 20 profesionais máis de municipios limítrofes como Mesía, Frades ou Boimorto. O 40% destes traballadores son mulleres que se incorporaron á cadea de produción tras un período de formación realizado por empresa.

 

Presidente Alfonso Rueda cos trabalaldores de Tejas Verea
Presidente Alfonso Rueda cos trabalaldores de Tejas Verea

DESCARBONIZACIÓN E MATERIA PRIMA KM 0

Durante a visita, o CEO de Tejas Verea explicou os investimentos que a compañía vén realizando para reducir o seu impacto ambiental. Así, destacou que a empresa emprega arxilas km 0 procedentes de canteiras propias, localizadas en Mesía. “Son arxilas de natureza caolinítica que permiten fabricar materiais cerámicos da mellor calidade”, explicou.

Ademais, apuntou que desde 2012, recortaron nun 7% as emisións de CO2 á atmosfera e, cada ano, renova o selo Calculo e Reduzo, que outorga o Ministerio de Transición Ecolóxica.

A compañía tamén logrou reducir o consumo de plásticos un 23% en procesos de embalaxe e transporte e incrementou nun 30% o uso de plástico reciclado e o seu substitución por materiais de orixe natural.

Na actualidade, Tejas Verea analiza con centros tecnolóxicos a incorporación ao seu proceso industrial de enerxías renovables como o hidróxeno verde, “unha enerxía alternativa que require de cuantiosos investimentos para o que necesitamos o apoio da administración”, subliñou Luis Verea.


 

 

A Xunta salienta o carácter emprendedor das empresas galegas

“En Galicia fanse cousas moi ben e ese selo engadido creo que é bo para as marcas que, despois dun proceso de selección rigoroso, poden levalo por todo o mundo e que se vexa do que somos capaces de facer”, asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O presidente comprometeu o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas que xeran emprego local e “moitísima riqueza na comarca, en toda Galicia e en moitos outros sitios”.

Verea fabrica unha novas tellas coa calidade do gres cerámico