Mércores. 24.04.2024

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, visitou o parque empresarial Camporrapado (Boqueixón) con motivo da actuación de mellora das infraestruturas viarias levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, a Administración galega achegou 120.000 euros (o 80%) para un proxecto no que se investiron 150.000 euros.

Paula Uría estivo acompañada na súa visita polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez, así como por técnicos da empresa adxudicataria das obras. Uns traballos que incluíron a mellora dos viarios perimetrais do polígono empresarial e que dan acceso ás empresas nel afincadas.

Así, procedeuse á limpeza das marxes e á reapertura das cunetas existentes, que foron canalizadas para mellorar a seguridade viaria na contorna grazas á construción dunha cuneta transitable con 20 centímetros de zahorra, cos seus correspondentes sumidoiros e arquetas. A maiores melloráronse os viarios cunha nova capa de 6 centímetros de aglomerado, previo fresado nos entronques coa AC-960, A Susana-Vila de Cruces, para non sobreelevar a rasante nos accesos. O proxecto incluíu tamén a preconexión á rede de saneamento municipal das propiedades anexas ás estradas, así como o pintado da súa sinalización horizontal.

CONCELLOS EMPRENDEDORES

Paula Uría explicou que “o de Boqueixón foi un dos 42 proxectos apoiados en Galicia para a mellora de infraestruturas en parques empresariais. En concreto, na provincia da Coruña concedéronse 19 axudas a concellos emprendedores, como Boqueixón, que supuxeron un investimento total de 2 millóns de euros”.

A actuación enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar e crear novas infraestruturas sostibles nas áreas industriais e impulsar a atracción de novos investimentos. Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece axudas tanto para este tipo de actuacións como para ampliar a rede de viveiros industriais e reforzar as infraestruturas enerxéticas. Tal e como avanzou a secretaria xeral, estes apoios contarán cun orzamento de 6,1 millóns de euros en 2023.

Para a vindeira convocatoria destinada á mellora de infraestruturas, que se está a tramitar de xeito anticipado para poder activar estas axudas e poñelas á disposición dos concellos a primeiros de ano, apoiaranse plantas de depuración de augas, proxectos de xestión de residuos, infraestruturas viarias interiores, instalacións de sistemas de seguridade, vixilancia e contraincendios, así como servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidroxeno renovable, e obterán un 11% máis de puntuación aqueles proxectos que se implanten en concellos emprendedores.