venres 03/12/21

Aínda que por motivos da pandemia sanitaria o Festa do Melindre non se vai celebrar por segundo ano consecutivo, o Concello de Melide non quixo deixar pasar a oportunidade de realizar unha semana de actividades que xiran entorno aos doces típicos tradicionais. O programa, que leva por nome “Días de exaltación da Repostaría Tradicional de Melide”, comezará o vindeiro mércores 5 de maio e terá o seu broche de ouro o próximo domingo 9 de maio, data fixada no calendario na que tería que celebrarse unha nova edición da coñecida Festa do Melindre.

Pese ao contexto de pandemia, a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Melide non quixo pasar por alto a posta en valor dos ricos, melindres e amendoados polo tanto durante o próximo domingo 9 de maio os reposteiros locais sacarán o seu produto á rúa, farano con diferentes stands no cantón de San Roque, onde se cumprirán con todas as medidas para velar polo estrito cumprimento das normas sanitarias establecidas. Durante a xornada dominical tamén haberá animación de rúa a cargo do Cuarteto Asubío de 12.30h a 14 e actividades infantís na praza do Convento dende as 12.30h e ata as 13.30h e pola tarde de 17h a 18h.

ACTIVIDADES DE EXALTACIÓN AO LONGO DE TODA A SEMANA

As accións de posta en valor dos doces tradicionais de Melide comezarán xa o mércores 5 de maio, cando de 11h a 12h se emita por streaming un faladoiro arredor da repostaría local. O xoves 6 o protagonista será o cociñeiro local Miguel Liboreiro, do restaurante Tobo do Lobo que ofrecerá un showcooking. A quenda para os gañadores do concurso Come a Comarca da TVG será o venres 7 de maio. Ámbalas dúas actividades desenvolveranse no cantón de San Roque ás 19h da tarde e para asistir será necesario reservar praza para o control de aforo, cun máximo de 40 persoas por actividade.

A música non podía faltar nestas xornadas de exaltación dos doces tradicionais locais, os encargados de poñerlle a banda sonora á xornada do sábado 8 de maio serán Os Melidaos, cun concerto no centro sociocultural Mingos de Pita ás 19h para o que tamén será necesario inscrición previa.

As reservas para as actividades poden facer no teléfono 981 50 50 03 na extensión 2122 ou no correo electrónico [email protected]

comentarios