Xoves. 28.03.2024

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou as instalacións da Unidade de Acción Formativa (UAF) de Ames, onde puxo en valor as melloras realizadas nas súas aulas, así como a formación especializada que ofrecen os cursos que alí se desenvolven. Tamén destacou que a cualificación que ofrece o obradoiro de emprego Renova IV, que impulsa o Concello, coa colaboración autonómica, está a permitir incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego de Ames e a súa contorna.

Dun lado, sinalou que cada unha das accións realizadas na UAF están a impactar na mellora da inserción laboral das persoas sen emprego e están a contribuír a dar resposta á demanda dun mercado de traballo cada vez máis competitivo.

A directora xeral, así mesmo, referiuse ao obradoiro de emprego Renova IV, que ofrece formación especializada en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e un contrato de traballo “nun sector innovador e de futuro”, engadiu Lado. Explicou o triplo dimensión dos obradoiros de emprego que, ademais de ofrecer formación e un contrato de traballo ás persoas sen emprego que participan neles, permiten a mellora de espazos públicos no ámbito local e contribúen á promover a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais galegas.

No caso de Ames, os alumnos e alumnas do taller desenvolverán a instalación fotovoltaica das depuradoras de Ameixenda e Milladoiro e o mantemento das emprazadas nos edificios municipais, entre outras actuacións.