Venres. 29.03.2024

O Concello de Arzúa xa fixo chegar os composteiros a súa veciñanza. Esta acción forma parte dunha novidosa iniciativa que vai permitir a instalación de dous Centros de Compostaxe Comunitaria nesta vila.

Trátase de instalacións pensadas para xestionar os residuos domésticos de carácter orgánico xerados por pequenas comunidades de persoas. Un dos centros será instalado no recinto do CEIP de Arzúa e o outro nas inmediacións da Escola Infantil e Residencia San Xosé. O obxectivo desta iniciativa é implicar na xestión in situ da fracción orgánica aos grandes xerados de residuos do concello.

Ao tempo que se desenvolve esta iniciativa de carácter comunitario e grupal, o goberno municipal procedeu tamén a darlle pulo á compostaxe doméstica de carácter individual ou familiar. Así, a semana pasada, fíxose entrega no Multiusos Terra do Queixo de 60 composteiros aos veciños e veciñas de Arzúa que así o tiñan solicitado. Os composteiros foron adquiridos polo Concello de Arzúa en cofinanciación coa Xunta de Galicia a través dos Fondos Next Generation da UE. A entrega dos composteiros complementouse cunha xornada formativa sobre a compostaxe.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vallo, salientaba a importancia destas xornadas formativas para todas aquelas persoas que van dispoñer dun composteiro xa que “a nosa finalidade é estender a autocompostaxe polas parroquias, fomentando a prevención da xeración de residuos e acadar, así, unha xestión máis sostible do lixo”.

REPARTO COMPOSTEIROS

Dado que o concello aínda dispón dalgúns composteiros sobrantes, todas aquelas persoas que desexen facerse con algún poden solicitalo a través do rexistro municipal ou da sede electrónica; tamén poden obter máis información ou resolver calquera dúbida no correo electrónico informació[email protected] ou no teléfono 622771300