Mércores. 29.06.2022

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os edís de Obras, Pablo Mauriz, e Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse ao colexio Virxe do Mar para comprobar coa directora do centro, Mary Loureiro, o estado dos traballos realizados para renovar o caucho do parque infantil. A actuación, tal e como recordou Ferreiro, “enmárcase nun proxecto máis amplo, no que se integran outros dez parques infantís municipais, e que complementa a intervencións xa realizadas nesta misma liña hai uns meses”. A rexedora local indicou que o investimento que o Consistorio destinará a rehabilitar o caucho dos once parques infantís ascende a 102.342 euros.

No que se refire aos parques infantís municipais localizados en recintos escolares, a maiores do de Virxe do Mar tamén se executarán obras nos da escola infantil da Solaina, o colexio da Solaina e os colexios de Piñeiros e Ponte de Xuvia, algúns deles xa en obras. Así mesmo, tal e como apuntou Ferreiro, tamén se reparará o firme dos ubicados na rúa Virxe de Covadonga, nas Vivendas da Mariña, na rúa 25 de Xullo, na 25 de Novembro, nas rúas Bimbieiro, Río Mandeo, Ponte Pielas e Amenadás. “A reposición do pavimento de caucho realizarase en conxunto nunha superficie que ronda os 1.500 metros cadrados”, apuntou.

A alcaldesa recordou que “os parques nos que proxectamos estas melloras teñen unha antigüidade maior de oito anos, nalgúns casos de dez, e o pavimento presenta unha serie de deficiencias que requiren destes traballos para frear ese deterioro”. Ferreiro subliñou que “queremos que todos os parques da nosa cidade, tanto da zona urbana como da rural, sigan cumprindo a normativa actual de seguridade, o que require a execución dos traballos proxectados”.

Eses traballos consistirán no cambio do pavimento flexible, para o que se procederá a levantar as actuais losetas e limpar a zona na que se asentan para proceder a instalar suelo continuo de caucho elaborado in situ con dous tipos de materiais amortiguadores, tal e como se recolle no proxecto.


 


 

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade