Mércores. 01.05.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a promover un gran Acordo de País con empresarios e sindicatos para lograr que os soldos medios en Galicia aumenten e se sitúen, como mínimo, na media salarial española. Segundo a última estatística do INE o salario medio mensual do conxunto dos españois é de 2.118 euros fronte os 2.056 que cobran as e os galegos tras quince anos de gobernos do PP. Por iso, Besteiro prometeu como prioridade avanzar no obxectivo da suba salarial media “porque é sinónimo de mellor economía, máis oportunidades e máis ambición de país”.

 Besteiro defendeu que para os socialistas “un salario digno é un dereito básico” e puxo como exemplo a suba do Salario Mínimo Interprofesional en case un 60% desde que Pedro Sánchez é presidente”. Fronte esta aposta, explicou que “temos un PP que prefire a precariedade dos traballadores e traballadoras e que mantén Galicia no furgón de cola tamén en materia salarial”.

 Destacou que co incremento do salario mínimo a 1.134 euros o Goberno de Pedro Sánchez “volveu cumprir os seus compromisos coa cidadanía, porque gobernamos para as persoas e este modelo é o que imos trasladar a Galicia”. Recordou que con esta suba da que se benefician uns 100.000 galegos e galegas, achegámonos “ao compromiso de situar o salario mínimo no 60% do salario medio”.

Besteiro salientou que “aumentar os soldos é  a mellor ferramenta para combater a pobreza, porque a experiencia demóstranos que a desigualdade non é compatible co benestar”. “Os socialistas facemos política útil ao servizo dos cidadáns do noso país e nesta liña imos seguir durante os próximos catro anos na Xunta de Galicia”, engadiu.

VISITA A TRAMEVE

O candidato socialista visitou Trameve en Santiago de Compostela, unha empresa sen ánimo de lucro pioneira na integración laboral de persoas con discapacidade. Foi recibido polo presidente de Cogami e Cofemce, Anxo Queiruga; o presidente da Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), Herminio Martínez; o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara, e outros representantes da economía social galega.

No encontro manifestou a aposta socialista pola integración social, tendo en conta que uns ingresos xustos permítenlles ás persoas satisfacer as súas necesidades básicas, o que á súa vez fomenta a cohesión social e reduce a exclusión e a pobreza. Explicou que o Pacto de País polos salarios xustos reflicte a vontade política de garantir que todos os cidadáns “teñan a oportunidade de prosperar e alcanzar o seu máximo potencial, independentemente do seu xénero, orixe ou capacidades” e incidiu en que “traballar por un un salario digno para o conxunto da poboación é crucial para promover a xustiza social, a dignidade laboral e a integración social”.